Domínguez, "harto" do atraso na apertura ao público dos xardíns da UNED

Pontevedra
02 de decembro 2024

Os populares esixen que se cumpra o convenio asinado en 2021 e se poñan a disposición da cidadanía os 18.559 metros cadrados de zonas verdes situadas nas inmediacións do centro

Rafa Domínguez, nos xardíns da UNED
Rafa Domínguez, nos xardíns da UNED / Partido Popular de Pontevedra

O "rifirrafe" entre o BNG e o PSOE, segundo o portavoz do PP, Rafa Domínguez, é o causante de que os xardíns da UNED, en Monte Porreiro, sigan sen abrirse ao público, unha situación ante a que o líder popular asegura estar "harto".

Os populares presentarán unha moción ao próximo pleno municipal para esixir que se cumpra o convenio asinado en outubro de 2021 e se poñan a disposición da cidadanía os 18.559 metros cadrados de zonas verdes situadas nas inmediacións do centro.

Este acordo coa UNED para a cesión gratuíta destes xardíns, lembra Domínguez, implicaba que o Concello é o "responsable directo" das tarefas de mantemento, limpeza, conservación e seguridade da zona verde por un prazo de doce anos.

"Su pasividad ha obligado a la UNED a costear el mantenimiento de los jardines hasta julio de 2024, cuando dejaron de poder asumirlo económicamente", sostivo o portavoz municipal do PP, data desde a cal esta zona está sen coidados.

O PP asegura que o goberno municipal "no manda a nadie" a recoller a madeira cortada, que a maleza "sigue acumulada en grandes montones", o estanque "parece una cloaca", que os bancos están descompostos e que a terraza da cafetaría está chea de verdín.

Silvia Crespo y Rafa Domínguez
Silvia Crespo e Rafa DomínguezMónica Patxot

Con esta proposta os populares, que esperan contar co apoio dos outros dous grupos da corporación municipal, esperan que o alcalde "deje de olvidarse" de todos os proxectos "que no llevan su firma personal", ao lembrar que esta foi unha iniciativa do PSOE.

Outro dos aspectos que recolle a moción popular é o cumprimento do compromiso anunciado polo goberno local, en 2021, para investir 15.000 euros nun proxecto de mellora paisaxística dos xardíns da UNED.

"Lores no cumple sus promesas con Monte Porreiro", censurou Rafa Domínguez, que acusou ao alcalde de Pontevedra, entre outras cousas, de ter "abandonados" os xardíns do antigo parque provincial de maquinaria tras a súa recuperación pública.