Domínguez defende a suba do canon do lixo para que "Sogama equilibre contas" pero pide que non repercuta nos pontevedreses

Pontevedra
04 de setembro 2024

Sogama anunciou que o canon pasará dos 66 euros actuais a 108 euros por tonelada a partir de 2025. O portavoz do PP entende que a empresa pública que xestiona os residuos en Galicia axuste as súas contas "trasladando parte dos impostos europeos e nacionais aos concellos". Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, sinalou que o goberno local tentará evitar que esta suba, que cualificou de "sablazo bestial", repercuta na cidadanía 

Instalación de Sogama
Instalación de Sogama / Sogama - Arquivo

Sogama anunciou que o canon do lixo pasará dos 66 euros actuais por tonelada a 108 euros por tonelada a partir de 2025.

O PSOE de Pontevedra levará este tema a debate ao pleno reclamando que non se aplique este incremento.

Este mércores, Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, afirmaba que "o Concello de Pontevedra non está obrigado a contratar con Sogama, iso ten que sabelo o señor Lores. O que Sogama di é que ten que elevar os prezos para equilibrar as contas que agora mesmo son moi deficitarias".

O representante popular arremetía contra a xestión do goberno local e subliñou que "se hai alguén que non pode presumir dun modelo de recollida de lixo é o señor Lores. A cidade está sucia e seguimos cun contrato do ano 99, que prorrogou oito veces".

Domínguez anunciaba que o verdadeiro "sablazo" virá co novo contrato de recollida de lixo, que pasará de 6 a 12 millóns de euros: "Aí estará o sablazo, non no contrato de Sogama".

O portavoz popular xustificaba a decisión de Sogama de que a empresa pública de xestión de residuos axuste as súas contas, trasladando parte dos impostos europeos e nacionais aos concellos.

Na súa opinión, "o Concello de Pontevedra debería asumir ese incremento de sobra, se ten as contas tan saneadas con superávits". Domínguez concluíu que "non debería subir o recibo aos pontevedreses baixo ningún concepto".

LORES: "SABLAZO BESTIAL"

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, defendeu a xestión do Concello e sinalou ao PP como o responsable desta suba do canon de Sogama.

"Levamos 12 anos conxelando as taxas, os cidadáns non están para sufrir incrementos. Os incrementos quen os fai é o PP, que nos mete un sablazo bestial dun 65 %", explicaba Lores.

O alcalde tamén criticou a Sogama pola súa "aposta pola incineración" e ao PP, a quen acusou de establecer "paus nas rodas cando queremos poñer sistemas para reducir os residuos e para a compostaxe".

Recordou que "quen vai cobrar ese incremento é a Xunta", e instou a que ese aumento reverta nos concellos para evitar que repercuta nos cidadáns.

Ante a posibilidade de que o incremento do canon de Sogama afecte directamente aos pontevedreses, Lores asegurou que o seu goberno tentará "evitar repercutir" ese aumento nas taxas que paga a cidadanía pola xestión de residuos.