O Partido Popular de Pontevedra sinala que a cidade de Pontevedra experimenta un notable incremento de altercados, roubos e episodios violentos que, de acordo coa formación política, xeran unha crecente sensación de inseguridade entre a cidadanía, especialmente entre colectivos vulnerables como "mulleres, nenos e persoas maiores".
O presidente do PP local, Rafa Domínguez, mantivo este martes unha reunión co comisario xefe provincial da Policía Nacional, Juan José Díaz, onde, segundo comunica a formación conservadora, condenou firmemente os incidentes ocorridos o sábado na rúa Loureiro Crespo e trasladou a súa solidariedade aos axentes feridos durante a súa intervención.
O PP pontevedrés asegura que estes episodios non son casos illados. En palabras de Domínguez, "estamos a asistir a un incremento deste tipo de situacións, tanto en número como en gravidade", unha problemática que, sostén o líder popular, "esixe unha resposta inmediata".
Denuncia deficiencias en dúas administracións: por unha banda, esixe ao Goberno central o reforzo urxente do persoal de Policía Nacional en Pontevedra e a cobertura de todas as vacantes existentes en Galicia.
Por outra banda, tamén critica ao goberno municipal por reducir, segundo os seus datos, 129.008,51 euros do orzamento destinado a Seguridade e Orde Pública para 2025, partida que foi aprobada malia a oposición popular. Nesta mesma liña, pide un incremento do persoal da Policía Local.
Domínguez tamén reclama unha mellora na coordinación entre os diferentes corpos de seguridade. "Pontevedra non pode seguir trasladando a imaxe dunha cidade insegura, onde aumentan os roubos e as pelexas", conclúe o líder popular na nota de prensa, comprometéndose a seguir "reclamando todos os medios necesarios para garantir a seguridade e tranquilidade dos pontevedreses", expón.
O PP pontevedrés argumenta que o seu obxectivo é "converter Pontevedra na cidade que todos queremos", para o que considera imprescindible este reforzo en materia de seguridade.