Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, reclamou este mércores ao alcalde de Pontevedra o adianto da inauguración das luces de Nadal para favorecer o comercio e á hostalería da cidade nun momento de crise para estes sectores.
O representante popular argumenta que o atraso ao 16 de decembro do acendido se debe a un erro, que agora o BNG tenta xustificar alegando causas ambientais e de aforro enerxético. Explicou que a memoria xustificativa para o contrato das luces de Nadal elaborouse en setembro e neste documento consta que o obxectivo do contrato é promover a imaxe da cidade para xerar máis afluencia de visitantes e actividade comercial. Exponse tamén que os gastos da facturación eléctrica son por conta da empresa adxudicataria, que deberá pagar os gastos do consumo e tamén que o prazo de instalación debería estar finalizado antes do 6 de decembro de 2022.
Este documento converteuse nun prego de condiciciones o 8 de novembro para a licitación, período que, desde o Partido Popular, se considera demasiado tardío para este procedemento. Ademais, incidiu Domínguez, "a día de hoxe o contrato das luces de Nadal nin sequera está asinado".
Domínguez: "Fraco favor fáiselle á loita ambiental e á crise enerxética se se utilizan como desculpa ante un erro e non de forma seria e contundente"
"Non é pola crise ambiental do planeta nin polos prezos desorbitados da enerxía", alegou o presidente popular, afirmando que "é un pouco de tomadura de pelo" utilizar esta desculpa cando será a empresa adxudicataria quen asuma a factura eléctrica. Advirte que o BNG durante os últimos meses non fixo referencia a facer un contrato das luces para estas festas máis curto para protexer o medio ambiente nin se fai referencia nos pregos contractuais nin se trasladou ás asociacións de colectivos afectados.
"Fraco favor fáiselle á loita ambiental e á crise enerxética se se utilizan como desculpa ante un erro e non de forma seria e contundente", explicou durante a súa intervención. Engade tamén que o Partido Socialista, socio de goberno tanto no Concello de Pontevedra como na Deputación, "si vai poñer as luces que lle competen en tempo e hora".
Domínguez insistiu en que este problema débese a un erro e "están tratando de ocultar unha chapuza". "Isto é un fracaso sen precedentes do señor Lores, froito do cansazo e do esgotamento e de non estar enriba dos problemas", comentaba o portavoz municipal do PP.
Lembrou que a decisión de acender as luces o 16 de decembro vai en contra da maioría dos pontevedreses e demandou sensibilidade por parte do alcalde cos sectores máis afectados por esta medida. Mostrouse disposto a que o seu grupo apoie a fórmula que sexa necesaria con contratos de urxencia para que se adiante o aceso das luces de Nadal.