Domínguez acepta agora a variante de Alba porque terá un trazado "mucho más blando"

Pontevedra
30 de xaneiro 2025

A preguntas dos xornalistas, o portavoz municipal do PP explicou que a "nueva variante" na que estaría a traballar a Xunta ten "muchas menos afectaciones y menos expropiaciones"

Marcha veciñal en Campañó contra o proxecto da variante de Alba
Marcha veciñal en Campañó contra o proxecto da variante de Alba / Cristina Saiz

A variante de Alba foi, nos últimos anos, un dos cabalos de batalla do PP, que se situou claramente á beira dos veciños, sobre todo de Campañó e Alba, que rexeitaban o proxecto ao considerar que dividía as súas parroquias en dous.

Pero tras o cambio de postura da Xunta, que acordou co Concello desbloquear este proxecto e executar este vial, o portavoz do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, tamén se mostra favorable a construíla porque terá un trazado "mucho más blando".

A preguntas dos xornalistas, tras o visto bo de Transportes á cesión do tramo da N-550 entre Pasarón e Touceda (Alba), Domínguez explicou que a "nueva variante" na que estaría a traballar a Xunta ten "muchas menos afectaciones y menos expropiaciones".

"No es la que proponía el Concello. Ya te lo digo yo", engadiu o líder popular, que pediu "esperar" a que se coñeza o proxecto definitivo.

A partir da próxima semana, o PP de Pontevedra impulsará unha serie de reunións cos veciños que, no seu día, foron "tan beligerantes" contra esta variante "y que en aquel momento nos hicieron pensar que no era adecuado" para, segundo Domínguez, "ver su posición".

Unha vez desatascada esta variante "y se identifique cómo será exactamente", o portavoz do PP confía en que sexa unha realidade que "realmente es más blando" e que os veciños "lo acepten".

"TARDE O QUE TARDE É UNHA BOA NOTICIA", AFIRMA MOSQUERA

O edil responsable da área de infraestruturas e mobilidade, César Mosquera, celebrou o impulso que está a experimentar esta actuación para unir as estradas PO-531 e N-550, polo que asegurou que "tarde o que tarde é unha boa noticia".

Mosquera indicou que o proxecto sobre o que están a traballar os técnicos do Concello e da Xunta é o que deseño a administración municipal e que, segundo sostivo, "en principio é a opción da consellería" para executalo.

"Nós fixemos o proxecto porque nolo pediu a Xunta", asegurou o concelleiro do BNG, que ironizou con que o portavoz do PP "non sei se estudou ben o tema", lembrando que é "un señor que dicía que estaba radicalmente en contra do trazado e agora di que está a favor".