Domingo de regata para o rei emérito, que espera "muchos abrazos" cando vexa a súa familia

Sanxenxo
22 de maio 2022

Á terceira foi a vencida. Despois de tres días en Sanxenxo, o rei emérito puido saír a competir a bordo do barco 'Bribón 500'. Foi a súa primeira regata desde que, hai case dous anos, fixou a súa residencia en Abu Dabi, a capital dos Emiratos Árabes Unidos

O rei emérito recolle o trofeo InterRías para o 'Bribón 500' / PontevedraViva

Á terceira foi a vencida. Despois de tres días en Sanxenxo, o rei emérito puido saír a competir a bordo do barco 'Bribón 500'. Foi a súa primeira regata desde que, hai case dous anos, fixou a súa residencia en Abu Dabi, a capital dos Emiratos Árabes Unidos.

Despois de que se suspendese por falta de vento a xornada deste sábado, na que Juan Carlos I pretendía competir, as óptimas condicións climatolóxicas de hoxe si permitiron que se retomase a competición na ría de Pontevedra.

Tras horas de regata, o barco no que competiu o monarca finalizou en cuarta posición. Pero os bos resultados obtidos o venres, día no que gañaron as dúas mangas, permitiron ao 'Bribón 500' impoñerse no Trofeo InterRías.

Juan Carlos I chegou este domingo ao Real Club Náutico de Sanxenxo minutos despois das dez e media da mañá, momento no que atendeu brevemente ás preguntas da prensa.

"Yo estoy aquí, en Sanxenxo", limitouse a dicir ao ser interpelado sobre o encontro que manterá este luns co seu fillo, o rei Felipe VI, e o resto da súa familia.

Algo máis explícito foi falando do seu neto, Pablo Urdangarín, ao que onte á noite vía xogar contra o Cisne en Pontevedra. "Mi nieto muy bien", dixo. "Todo estupendo".

Como en días anteriores, o rei emérito chegou ás instalacións portuarias no coche do seu amigo e anfitrión, Pedro Campos, que o deixou na porta das oficinas do club.

Tanto á entrada como á saída necesitou axuda dun dos seus escoltas para moverse ao camiñar con dificultades, facendo uso dun bastón.

O rei emérito embarcouse unha hora despois de chegar ao porto deportivo de Sanxenxo e non volveu a terra ata pasadas as tres e media da tarde, ao remate da regata. Agardou xa no pantalán a entrega de premios aos gañadores da competición.

El mesmo subiu á tarima para recoller dous premios, un agradecemento especial "pola súa colaboración co deporte da vela e con Sanxenxo como destino turístico" e o trofeo aos gañadores da regata celebrada ao longo desta fin de semana.

Foi no medio dunha gran expectación, con decenas de persoas vitoreando "viva o rei" e aplaudindo desde o espigón.

Antes de marcharse, algo máis dicharacheiro con respecto a ese encontro coa súa familia, o rei emérito asegurou que ten "muchas ganas" de que se celebre e que espera recibir "muchos abrazos". Concluíu afirmando estar "muy contento".

Este foi o terceiro e último día completo de Juan Carlos I en Sanxenxo, onde chegou a noite do pasado xoves. Está previsto que mañá viaxe a Madrid para manter ese encontro privado coa familia real e, despois, regresará a Abu Dabi.

A mediados de xuño volverá a Sanxenxo para competir de novo a bordo do 'Bribón 500' no campionato do mundo de vela da clase 6 mR, na que o barco español defende o título. Será unha estancia máis longa, xa que quedará case dúas semanas, segundo os plans previstos.