O Concello de Cerdedo-Cotobade vai iniciar este domingo, 3 de marzo, a súa programación do Entroido 2019 cunha gran festa en Cerdedo que incluirá os habituais concursos de disfraces, inchables e toro mecánico, animación musical e sorteo dunha televisión entre os asistentes.
O evento, que contará con servizo de bar a cargo da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio San Xoán Bautista, comezará ás 17.00 horas no pavillón municipal. Nese momento, e por espazo dunha hora, abrirase o prazo de inscrición no certame de disfraces. Dende o Concello queren animar a toda a veciñanza a sumarse ao concurso e, no caso de non querer facelo, acudir disfrazado para crear máis ambiente.
Deste volta, a organización estableceu catro categorías no concurso, que serán individual infantil, individual adulto, familia –cun mínimo de tres compoñentes con vínculo– e grupo, que tamén deberá conter alomenos tres integrantes. Os premios para os mellores serán unha tablet, un equipo de música, unha televisión e 150 euros, respectivamente.
O xurado valorará especialmente o deseño do disfraz, o tipo de confección, a imaxinación e a soltura no escenario á hora de desfilar ante o público.
Polo demais, o Entroido deste ano no municipio manterá o mesmo esquema que en anos anteriores e rematará o vindeiro domingo, 10 de marzo, co tradicional Domingo de Piñata, que se celebrará no polideportivo de Carballedo en quenda de tarde.