Domingo coa pandemia á alza: sete hospitalizados máis e 517 novos positivos nun só día

Pontevedra
09 de xaneiro 2022
Actualizado: 11:32

Tras un pequeno respiro rexistrado este sábado, o domingo volveron a detectarse máis de 500 novos casos e un aumento dos pacientes hospitalizados. Hai 7.689 casos activos na área sanitaria, 159 máis que o día anterior, dos que 54 están ingresados nalgún hospital, oito na unidade de Coidados Críticos 

Punto de realización de probas PCR
Punto de realización de probas PCR / Mónica Patxot

Tras un pequeno respiro rexistrado este sábado, o domingo volve mostrar os niveis de novos positivos e aumento da presión asistencial das últimas semanas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Volveron a detectarse máis de 500 novos casos e un aumento dos pacientes hospitalizados

Así, este domingo, con datos das seis da tarde do sábado, confirmáronse 517 novos positivos. Ademais, recibiron o alta epidemiolóxica 358 pacientes, de modo que o número total de casos activos é maior que o día anterior, pero non tanto como o número de novos contaxios detectados. Hai 7.689 casos activos na área sanitaria , 159 máis que o día anterior. 

Do total de casos activos, 7.635 son pacientes con síntomas leves ou sen síntomas que están illados no seu domicilio e 54 están ingresados nalgún hospital da área sanitaria. 

Este dato supón un aumento da presión asistencial, pois son sete pacientes máis ingresados que o sábado. Non hai cambios na na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que se mantén con oito pacientes, pero si que hai sete máis en planta de hospitalización. 

Son, en total, 46 pacientes COVID ingresados en planta de hospitalización: 35 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 4 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 7 no Hospital do Salnés.

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 25.916 pacientes e faleceron 234.

Nas últimas 24 horas fixéronse 570 probas PCR, que elevan a 372.824 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia. Ademais, realizáronse 191.878 test de antíxenos, 874 deles na última xornada. A estes habería que sumar os realizados a nivel particular pola poboación nas súas vivendas, pois as probas de autodiagnóstico tamén serven para confirmar os novos casos de covid-19 sen necesidade de realizar PCR. 

EVOLUCIÓN EN GALICIA

A nivel autonómico, este domingo tamén se confirmou o ritmo de avance de días pasados tras o pequeno respiro da xornada do sábado. Detectáronse 5.585 novos positivos e hai 65.335 casos activos, cifra récord desde o inicio da pandemia, 2.642 máis que o día anterior.

Nos hospitais galegos hai este domingo 449 persoas hospitalizadas por covid-19, das que 55 está en unidades UCI, catro máis que o sábado. Outras 394e están en planta, 36 máis nunha xornada.

Por áreas sanitarias, Vigo segue sendo a que presenta unha peor situación. Ten 14.851 casos tras confirmar 1.106 positivos nun día. Na Coruña hai 12.286, tras detectarse 482 novos casos.

A área de Santiago e Barbanza ten 11.65, tras detectar 181 nun día. En Ourense hai 8.089 e houbo na última xornada 283 novos positivos. En Lugo son 6.620 e confirmáronse desde o sábado 309. En Ferrol hai 4.147 tras detectarse nas últimas 24 horas 122 novos positivos.

Nas últimas 24 horas realizáronse en Galicia un total de 9.206 probas PCR, o que eleva a 3.411.550 as realizadas desde o inicio do a pandemia; e 7.098 test de antíxenos, que elevan a 1.215.190 os xa realizados.