Domingo Barros, homenaxeado por UXT e a Fundación Luis Tilve polo 1 de maio

Pontevedra
26 de abril 2024

O vindeiro martes 30 de abril desenvolverase unha homenaxe ao que foi secretario xeral da Unión Comarcal de UXT, José Domingo Barros Montáns, con motivo dos actos do 1 de maio organizados pola Unión Comarcal de Pontevedra, Arousa e Deza de UXT

Domingo Barros
Domingo Barros / PSdeG-PSOE

O vindeiro martes 30 de abril desenvolverase unha homenaxe ao que foi secretario xeral da Unión Comarcal de UXT, José Domingo Barros Montáns, con motivo dos actos do 1 de maio organizados pola Unión Comarcal de Pontevedra, Arousa e Deza.

O acto realizarase en colaboración coa Fundación Luis Tilve e terá lugar a partir das 15:00 horas no restaurante La Brisa de Lourido, onde entregaráselle unha placa cun deseño orixinal do escultor César Lombera elaborada especialmente para a Fundación.

Domingo Barros é mestre e educador no ámbito de Protección de Menores e ten unha longa traxectoria sindical en UXT, no contorno da súa sección sindical, Unión Comarcal, Federación do Ensino (Fete), Federación de Servizos Públicos e Executiva de UXT-Galicia, "desempeñando sempre importantes responsabilidades en momentos e circunstancias moi difíciles".

No ano 2003 púxose á fronte da secretaría xeral da comarca e afontou numerosos conflictos con empresas da zona como Celulosas ou Tafisa, impulsando decididamente a acción sindical no ámbito comarcal a nivel institucional, orgánico e de política sindical, para ser requirido, posteriormente, no ano 2005, pola dirección de UXT-Galicia para facerse cargo da importante área de Formación e Emprego no ano 2005.

Tamén tivo unha importante participación no impulso do diálogo social en Galicia, como a configuración do primeiro acordo autonómico polo emprego e facendo un seguimento permanente da negociación colectiva.

O seu papel en UXT-Galicia foi sempre de coordinación, actuando de árbitro, polo seu carisma, na relación entre diversos organismos de UXT e ocupando responsabilidades en momentos de transición orgánica, como cando ocupou a presidencia da xestora da Unión Comarcal de Vigo no ano 2014.

En abril de 2016 liderou un exhaustivo estudo sobre as consecuencias en Galicia da reforma laboral de 2012 do Goberno do PP, que concluía a necesidade de derrogar a citada reforma, que viña provocando descenso do emprego, incremento da temporalidade, a redución drástica das prestacións e ata o descenso da media dos salarios entre 2011 e 2014. Destacou tamén na súa acción institucional participando en diversos organismos de representación.

Nos últimos anos responsabilizouse da Secretaría de Administración Local na Federación de Servizos Públicos (FeSP-Galicia) e foi membro da Comisión Executiva da Fundación Luis Tilve, da que actualmente forma parte do seu Padroado.

ACTOS POLO 1 DE MAIO

Durante a homenaxe a Domingo Barros presentarase o manifesto do 1 de maio, que incide na necesidade de seguir avanzando na conquista de dereitos e na mellora das condicións de traballo e emprego, especialmente no relativo á redución da xornada laboral, a adecuación dos salarios á mellora da economía, no marco dunha política expansiva, así como no deseño dun novo modelo industrial e enerxético, a revitalización do diálogo social, a potenciación dos servizos públicos e das políticas activas de emprego e a loita pola consolidación da democracia, ameazada pola reacción de extrema dereita en España e en Europa.

Ese día, os actos concluirán coa manifestación que sairá ás 12 da mañá da Praza da Ferrería de Pontevedra baixo o lema 'Polo pleno emprego, menos xornada e mellores salarios'.