Domingo 25 de agosto, nova data para o Combate Naval en Vilagarcía debido á chuvia

O Salnés
22 de agosto 2024

Trasládase do sábado ao domingo 25 debido ás malas previsións meteorolóxicas anunciadas para a mañá do día 24. A montaxe do espectáculo precisa de tempo seco, polo menos durante 24 horas antes, segundo indica o Concello de Vilagarcía de Arousa

Combate Naval en Vilagarcía
Combate Naval en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

A Concellería de Cultura de Vilagarcía de Arousa anunciaba este xoves este cambio importante no programa das festas de San Roque. O tradicional Combate Naval, previsto inicialmente para o sábado 24, celebrarase finalmente o domingo 25 de agosto.

A causa do cambio atópase nas malas previsións meteorolóxicas para a mañá do sábado.

Segundo indican desde o Concello, a montaxe do espectáculo require polo menos 24 horas de tempo seco.

Deste xeito haberá cambios na programación con novos horarios:

O desfile de carrozas vai adiantarse ás 21:00 horas (antes ás 21:30).

E o espectáculo pirotécnico comezará ás 23:30 horas, cando inicialmente estaba previsto para as 00.00 horas, tendo en conta que o luns é xornada laborable.

Os nenos e nenas inscritos para ir nas carrozas deberán estar na praza da estación ás 20:30 horas, media hora antes do previsto inicialmente.

OUTROS EVENTOS

O sábado 24 manteranse as actuacións da mostra Festaclown. 

O concerto tributo 'Remember Queen' celebrarase ás 00:30 horas na avenida da Mariña.

Na historia do Combate Naval, este evento seguido por milleiros de persoas xa se ten celebrado en domingos en décadas anteriores.

Segundo o goberno local, a decisión busca garantir a seguridade e o éxito dun dos eventos máis esperados das festas de San Roque en Vilagarcía.