Documentan un novo gravado rupestre achado en Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
19 de marzo 2021

O colectivo Capitán Gosende vén de descubrir un novo gravado rupestre que non estaba documentado en Cerdedo-Cotobade. Foi, concretamente, no núcleo de Cavadosa. O petróglifo componse dun agrupamento de cinco coviñas de 5, 7, 9, 10 e 15 centímetros de diámetro e boa fondura

Petróglifo atopado en Cavadosa
Petróglifo atopado en Cavadosa / Capitán Gosende

O colectivo Capitán Gosende vén de descubrir un novo gravado rupestre que non estaba documentado en Cerdedo-Cotobade. Foi, concretamente, no núcleo de Cavadosa.

O achado foi durante os labores que estaban a realizar para estudar o deficiente estado de conservación da ponte medieval do lugar.

O petróglifo componse dun agrupamento de cinco coviñas de 5, 7, 9, 10 e 15 centímetros de diámetro e boa fondura. As coviñas foron talladas na parte superior dun cachote de granito que integra os alicerces dunha casa.

Esta construción sitúase á saída do lugar, en dirección ao veciño lugar de Abelaíndo.

O soporte, segundo esta asociación, é un fragmento de laxe, extraído dun afloramento máis grande que está situado nas inmediacións.

A pedra dormente é pasante, polo que foi imposible a súa inspección pola parte interior do inmoble, xa que o espazo está cuberto dunha grosa capa de estrume.

O novo achado denominouse petróglifo da Cavadosa e fai o número 59 dos petróglifos inventariados no antigo municipio de Cerdedo.

Arquivado en