Máis de 150 docentes participaron nunha xornada para coordinar a súa formación

Pontevedra
04 de decembro 2024
Actualizado: 16:36

A actividade contou coa destacada participación de Gloria Soler Burgués, profesora e directora do Máster da Facultade de Educación da Universidade de Barcelona

Sesión formativa no CFR de Pontevedra
Sesión formativa no CFR de Pontevedra / CFR de Pontevedra

O Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra organizou unha sesión formativa dirixida aos coordinadores de formación dos centros educativos do seu ámbito.

A actividade contou coa destacada participación de Gloria Soler Burgués, profesora e directora do Máster da Facultade de Educación da Universidade de Barcelona, e politóloga especializada no ámbito educativo.

Baixo o título "Fundamentos e estratexias para fortalecer a coordinación da Formación Permanente do Profesorado", desenvolveuse o pasado 29 de novembro esta xornada que tivo un enfoque práctico e estruturouse en dúas partes.

Na primeira, máis de 150 docentes reuníronse na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra, onde abordaron os fundamentos teóricos da coordinación da formación permanente. Na segunda parte, celebrada nas instalacións do CFR de Pontevedra, as persoas participantes dividironse en grupos para desenvolver estratexias colaborativas destinadas a fortalecer o seu labor de coordinación nos centros educativos.

Esta actividade, que xa é unha tradición no calendario formativo do CFR de Pontevedra, continúa a ser un éxito de convocatoria e organización. Ano tras ano, ofrécense propostas temáticas variadas e motivadoras, destinadas a enriquecer o traballo dos coordinadores de formación e a impulsar a calidade educativa nos centros da provincia.

A participación activa e o interese mostrado polos asistentes reflicten a relevancia destas sesións, que consolidan o CFR de Pontevedra como un referente na formación permanente do profesorado.

Sesión formativa no CFR de Pontevedra
Sesión formativa no CFR de Pontevedra     CFR de Pontevedra

CONMEMORACIÓN DO 25N

Ademais desta xornada formativa, o CFR de Pontevedra tamén aproveitou a ocasión para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Durante toda a semana, repartíronse marcapáxinas violetas elaborados cos recursos do programa Polos Creativos, empregando a impresora 3D do propio centro, en apoio á loita contra a violencia de xénero.

A lembranza das vítimas tomou tamén forma visual, cun foco de luz violeta proxectado na fachada do edificio, en sinal de respecto e recordo das mulleres que perderon a vida a causa da violencia machista. Esta acción forma parte do compromiso do CFR de Pontevedra con iniciativas que promoven a sensibilización e a igualdade de xénero no ámbito educativo.