Doce ofertas para realizar as obras na senda Pontevedra-Marín e transformar a PO-546 en Estribela

Pontevedra
05 de agosto 2023

Esta intervención suporá un investimento de máis de 405.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Céntrase nunha segunda fase de intervención en Estribela, desde o final da primeira fase, que permanece en execución, ata o límite municipal

Infografía do proxecto da Xunta na PO-546 en Estribela
Infografía do proxecto da Xunta na PO-546 en Estribela / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia recibiu doce ofertas por parte de diferentes empresas para acometer as obras da senda na estrada PO-546 entre Pontevedra e Marín.

Trátase dun investimento de máis de 405.000 euros e esta segunda fase completará a transformación integral do tramo urbano de Estribela. O prazo de execución previsto para realizar estas obras é dun ano.

A segunda fase comeza no punto quilométrico 4+890, ao final da primeira fase que se executa actualmente, e finaliza no límite municipal. 

A obra centrarase en remodelar a sección transversal da rúa actual. Amplíanse os anchos das beirarrúas cunha calzada dun ancho de 3,10 metros na zona cun só carril; e un ancho de 6,20 metros na zona con dous carrís, con espazo de aparcamento e carga e descarga.

As beirarrúas, segundo figura no proxecto, ofrecerán dous metros de ancho sempre que sexa posible segundo o terreo, formadas por placas de pedra granítica. Os pasos de peóns contarán con pavimento podotáctil nos extremos para facilitar o acceso de persoas con dificultades visuais.

Está previsto incluír nova iluminación e repoñer a sinalización actual e o balizamento da zona onde se realizarán as obras. Tamén se instalarán nova rede de sumidoiros. 

Esta senda fomentará a mobilidade peonil-ciclista conectando o núcleo de Marín coa cidade de Pontevedra. Esta segunda fase súmase á actuación, co proxecto xa aprobado, entre Mollavao e Os Praceres, que se complementan coa parte xa executada no tramo urbano de Marín e coa primeira fase de acondicionamento de Estribela, ademais do proxecto para finalizar os tramos urbanos de Marín.

O investimento total da Xunta alcanza case os dez millóns de euros nun proxecto que conta con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia Next Generation UE.