Doce centros de ensino de Pontevedra e preto de 500 estudantes e docentes participan desde a semana pasada nos coloquios formativos sobre o método científico que dan inicio a unha nova edición de Pontenciencia.
O programa está promovido pola Concellería de Educación coa colaboración da Universidade de Vigo e levará ao alumnado de Primaria a desenvolver unha serie de experimentos científicos.
Os días 1 e 2 de xuño defenderán eses proxectos diante dun comité científico integrado por profesorado do campus na Feira da Miniciencia, que terá lugar un ano máis na Escola de Enxeñaría Forestal.
Segundo informou o Concello nun comunicado, a Concellería de Educación e o comité científico de Pontenciencia mantiveron unha serie de reunións para pór en marcha unha nova edición desta iniciativa, na que tamén deron comezo os coloquios abertos ás familias que tamén queiran desenvolver os seus propios experimentos para a modalidade de Ciencia en Familia, para as que están previstas dúas conferencias na Casa da Luz, unha o xoves 22 de febreiro ás 18.00 horas e outra o sábado 3 de marzo ás 10.00 horas.
No relativo á modalidade de Ciencia no Cole, participan nesta nova edición de Pontenciencia, que conta co patrocinio da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt), os centros Sagrado Corazón de Praceres, Carlos Oroza, Santo André de Xeve, San Bieito de Lérez, Príncipe Felipe, Sagrado Corazón de Jesús, San Martiño, Vilaverde, Froebel, Marcón, San José e Ponte Sampaio.
NOVIDADES
A conmemoración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, a través dunha colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC constituirá, segundo adiantou o Concello, unha das novidades de Pontenciencia 2018, xunto con actividades como detectives de fotografías, sobre a representación do xénero na publicidade e nos libros de texto, unha iniciativa que se levará a cabo coa colaboración da profesora de Ciencias da Educación e do Deporte, Ana Rey Cao e do seu grupo de investigación.
Outras das novidades, salienta o concello, serán a exposición e o xogo de cartas Mulleres faro, que porán de relevo a traxectoria de científicas ou artistas, a participación de empresas con diferentes obradoiros ou a creación dun "banco audiovisual" de propostas de investigación.