Doce anos de cárcere para un home que "enfureceu" cando a súa parella non quixo ter relacións e violouna

Pontevedra
13 de setembro 2023

A muller, que no momento dos feitos tiña 23 anos, faleceu antes de que o caso chegase a xuízo, pero o seu testemuño puido escoitarse no xuízo e acabou derivando na condena do seu agresor. Os maxistrados aplicaron a agravante de parentesco e a atenuante de alteración psíquica por consumo de droga e alcol

Jose F.B., acusado dos delitos de violación e lesións no ámbito da violencia de xénero
Jose F.B., acusado dos delitos de violación e lesións no ámbito da violencia de xénero / Cristina Saiz

Doce anos de cárcere e cinco anos máis de inhabilitación para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleven contacto regular e directo con persoas menores de idade. É a condena que acaba de impoñer a Audiencia Provincial de Pontevedra a un home que violou á súa parella. 

A muller, que no momento dos feitos tiña 23 anos, faleceu antes de que o caso chegase a xuízo, pero o seu testemuño no xulgado puido escoitarse no xuízo e acabou derivando na condena do seu agresor. 

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra considera acreditado que o procesado "enfureceu" tras a negativa da vítima para manter relacións sexuais, ante o que reaccionou agredíndoa e violándoa. 

Na declaración da vítima que se escoitou na sala de vistas, a moza relataba que na madrugada do día 3 de decembro de 2021 primeiro mantiveron unha discusión porque "el quixo facer o amor, eu non quixen e enfadouse todo". Logo ela díxolle que quería deixar a relación e el reaccionou poñéndose agresivo e obrigándoa irse para a súa habitación.

O tribunal considera probado que ela foise, el seguiuna e, co propósito de satisfacer o seu desexo sexual, colleuna polas mans e polo pelo, tirouna contra a cama (que rompeu), empuxouna contra a xanela da habitación (que tamén rompeu), tirouna ao chan, arrincoulle os pantalóns do pixama, rompéndoos, quitoulle as bragas e o suadoiro e díxolle "es unha merda, unha puta, un lixo, unha asquerosa, vas ir á rúa así espida como puta que es". 

Cando ela se resistiu, el díxolle "agora vouche a mexar na boca". Logo colleuna polo pelo; arrastrouna ata outra habitación (a que utilizaba el); tirouna na cama, agarrouna polo pescozo, deulle dúas puñadas na cara e golpes por outras partes do corpo; colleuna do pelo e dos brazos; e violouna. 

Ao final ela deixou de resistirse e tratou de compracelo, dicíndolle que tiña razón en todo, co propósito de que se tranquilizase e deixase de agredila.

Tras a discusión e tras agredila e violala cos dedos, el mesmo levouna a casa da súa nai en coche e, de camiño, segundo relatou a vítima, díxolle: "agora voute levar ao cemiterio, que é onde tes que estar".

Os maxistrados aplicaron a agravante de parentesco e a atenuante de alteración psíquica por consumo de droga e alcol, pois, cando sucederon os feitos, consumiran medio gramo de cocaína entre os dous e o acusado tamén consumira alcol. 

A sentenza non é firme.