Os doce alumnos que cursan competencias en materia forestal no Centro de Formación Ocupacional de A Ran comezarán nos vindeiros días o seu periodo de prácticas. Fano nun momento en que as empresas da contorna rexistran unha alta demanda de man de obra capacitada e por tanto cunhas boas expectativas de inserción laboral.
O curso, que comezou o 1 de febreiro e rematará o 29 de abril, forma a 12 alumnos, 8 varóns e 4 mulleres, en tarefas vencelladas ao coidado de montes e fincas, como auxiliares en conservación e mellora da masa forestal como a poda, o desbroce e os tratamentos fitosanitarios.
Esta formación, enmarcada na programación AFD da Xunta, impártese de forma presencial no centro de formación ocupacional do polígono cuntiense.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, anima ás persoas desempregadas a aproveitar a oferta formativa do Centro de Formación Ocupacional de A Ran, xa que iniciativas como esta son "unha oportunidade para que a veciñanza poida mellorar a súa inserción laboral".
O goberno local defende a importancia de ter na comarca un centro como o de A Ran, "un servizo esencial para os veciños e unha aposta constante para a formación e o traballo".