Dobre ración de entroido en Sanxenxo para un domingo redondo

Sanxenxo
12 de marzo 2017

Sanxenxo acolleu este domingo os desfiles de entroido aprazados no seu momento pola choiva. Pola mañá foi a quenda do desfile infantil e pola tarde dos adultos

Desfile infantil de entroido de Sanxenxo
Desfile infantil de entroido de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A choiva obrigou no seu momento para cancelar os principais actos do entroido de Sanxenxo, pero finalmente a consecuencia foi poder gozar dun domingo redondo.

A falta de datas obrigou a concentrar nunha xornada o desfile infantil e o gran desfile de entroido, todo iso nunhas horas.

Primeiro foi a quenda dos máis pequenos, pola mañá, polas rúas do centro da localidade. No seu concurso de disfraces resultaron vencedores Astérix e Obélix Misión Cleopatra (máis de 10 compoñentes), Loko Vespas (de 3 a 10 compoñentes), De Correos (parellas) e O Paxaro Carpinteiro (individual).

Máis multitudinario foi o gran desfile celebrado pola tarde. Os numerosos grupos participantes concentráronse na avenida Luís Rocafort para dirixirse cara a Portonovo pasando por Paseo de Silgar, Punta Vicaño e a rúa Rafael Picó ata concluír no recinto portuario.

Para este desfile reserváronse ata 8.225 euros en premios, galardóns que por categorías foron a parar a Priscila Raíña de Samieira (máis de 20 compoñentes), Un Mundo a Voar (fantasía máis de 20), Desde Galicia Para o Mundo (9 a 20 compoñentes), Horas Minutos e Segundos (ata 8 compoñentes), O Mundo da Reciclaxe (parellas) e Pavoneándose por Sanxenxo (individual).

O entroido de Sanxenxo pecharase aínda o próximo 18 de marzo coa festa de disfraces prevista na Casa da Cultura de Dorrón.

Arquivado en