Do you speak english? A hostalería pontevedresa prepárase para os Mundiais de tríatlon

Pontevedra
08 de abril 2019

As concellarías de Promoción da Cidade e Deportes organizan cursos de formación básica en inglés para dar ferramentas aos hostaleiros e hoteleiros, ao consideralos a principal tarxeta de visita da cidade

Cursos de inglés de cara a atender a visitantes durante os Mundiais de Tríatlon
Cursos de inglés de cara a atender a visitantes durante os Mundiais de Tríatlon / Concello de Pontevedra

Para evitar problemas de entendemento ante a visita de deportistas e múltiples visitantes estranxeiros que visitarán Pontevedra durante as vindeiras semanas con motivo da celebración dos Mundiais de Tríatlon, a concellería de Promoción da Cidade e a de Deportes organizaron uns cursos de formación de inglés para empresarios da hostalería e hotelería que queiran mellorar o seu nivel nesta lingua.

Entre o 27 de abril e o 4 de maio agárdase a chegada de máis de 4.000 deportistas de diversas nacionalidades, que prioritariamente empregarán o inglés para se comunicar durante o ITU Multisport Festival.

Os cursos impártense na Casa da Luz en horarios de mañá e de tarde. Polo dagora, está anotado persoal de 21 establecementos do municipio.

Son clases de carácter intensivo para proporcionar nocións básica de comunicación en relación á actividade comercial que desenvolven.