O terremoto causado nas últimas semanas por mor da publicación do libro No publiques mi nombre. Testimonios contra la violencia sexual de Cristina Fallarás chegou este martes a Pontevedra cun coloquio entre a propia autora, a ex concelleira Carmen Fouces e a xornalista Ana López.
A cita encheu o Teatro Principal, que se converteu nun "espazo seguro" para visibilizar a violencia que sofren as mulleres, moi particularmente a sexual, pero tamén calquera outra forma de violencia.
Foi o último acto da programación municipal deseñada este ano con motivo da campaña 'Son muller, son diana' e supuxo pechar o círculo das actividades do 25N e tamén dun movemento que empezou na cidade no ano 2016, #PrimAcoso.
Con #PrimAcoso, campaña impulsada pola entón concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, animouse a mulleres a denunciar a primeira experiencia de acoso e violencia sexual que sufriran e acabou converténdose nun modelo logo aplicado en moitos outros contextos.
A xornalista e escritora Cristina Fallarás revelou este martes, nunha comparecencia ante os medios previa ao coloquio, que, para ela, Fouces foi "a precursora de todo" e todo o movemento que en novembro cristalizou coa publicación do seu libro tivo a súa orixe aquí.
"Todo isto empezou en Galicia antes do MeToo", sinalou Fallarás, que explicou que #PrimAcoso foi no ano 2016, o #MeToo eclosionou en 2017 e o seu proxecto #Cuéntalo, en 2018. Sinalou que, co paso dos anos, demostrouse que "este era o modelo, un modelo que segue funcionando".
No seu caso, deuse conta, tras anos dando visibilidade aos testemuños de mulleres en redes sociais, que faltaba dar "un segundo paso", dar voz a mulleres que non podían escribir os seus relatos coas súas contas persoais, que "non poden sinxelamente pór un hashtag porque si o teu marido te sacude a paus, mellor que non digas desde a túa conta porque igual cando chegues a casa, párteche a cabeza".
Son moitos os exemplos de mulleres que non poden denuncialo publicamente porque, por exemplo, "si o teu xefe te acosa sexualmente, mellor non o dis desde a túa propia conta porque quedas sen traballo" ou tamén si sofres violencias sexuais dentro da familia, pois "normalmente non se contan desde o perfil propio".
Tras anos visibilizando testemuños a través de #Cuéntalo, deuse conta de que "faltaban os testemuños relatados en presente", todas as mulleres falaban do pasado. Nese momento, "entendín que cando vas narrar a violencia machista e a violencia sexual en particular, si vas narrar o presente, necesitas facelo nunha contorna segura e a contorna segura dácha o anonimato".
Nese momento, decidiu converter a súa conta de Instagram nunha canle para que as mulleres puidesen relatar os seus testemuños e logo nun libro para aquelas que non teñen redes sociais. Respecto diso, matiza que non publica denuncias, senón testemuños cos que "non busca sinalar o agresor, senón crear unha enorme memoria colectiva da violencia sexual" que non existiu antes na historia da humanidade.
Fallarás destacou a importancia deste movemento, "de súpeto miles de mulleres puxémonos a narrar a violencia sexual recibida". Esa violencia sexual "non fora narrada antes, pero, sobre todo, non fora narrada cos nosos propios testemuños e nas nosas propias voces".
A escritora e xornalista respondeu ás críticas que sofre desde que empezou este movemento anónimo porque "moléstalles que a vítima non poña o corpo".
Respóndelles que "cando puxo o corpo a vítima da manada de San Fermines, acabou dicindo que o proceso foi aínda máis doloroso que o do portal; cando puxo o corpo Nevenka Fernández tívose que exiliar; cando puxo o corpo a vítima da manada de Arandina, viu como todo o pobo saía á rúa a defender as violadores e cando puxo o corpo Elisa Mouliaá viu como lle esnaquizaron a carreira e ten ameazas mesmo de morte diarias".
Cristina Fallarás repasou todas estas experiencias no Teatro Principal como colofón a unha campaña da que Anabel Gulías destaca que se realizou polo traballo do Concello desde unha perspectiva claramente feminista e "asumindo as responsabilidades" que teñen como institución cara á identificación de todas as violencias machistas, que son unha "cuestión estrutural" e creando "espazos seguros".
Un deses espazos seguros foi a campaña #PrimAcoso e por iso non podía faltar nesta cita Fouces, como a súa impulsora. A ex concelleira, agora afastada da primeira liña politica repasou aquela campaña e o traballo que "foi abrindo portas" e camiño até a situación actual.
Dos momentos actuais destacou o impacto das redes sociais neste tipo de campañas, moito maiores que cando xurdiu a súa campaña en 2016 e tamén que agora "se está acendendo a luz".
Fixo mención á metáfora do elefante rosa utilizada na loita feminista para asegurar que "agora estamos a ver realmente como é o elefante e eu creo que iso iso é fundamental".