Esa foi, entre outras, unha das consignas que corearon as trescentas persoas que, este mércores, participaron na manifestación que se celebrou en Soutomaior contra o pretendido trasvase de auga entre o río Verdugo e o encoro de Eiras, que abastece á cidade de Vigo e os municipios da súa área de influencia.
Foi un punto de humor e retranca no medio dun asunto que está a provocar un gran rexeitamento social nos concellos de baña o Verdugo como Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra e que ten "moi preocupadas" ás máis de duascentas familias que viven do sector do mar nesta zona.
Así o recoñeceu Rita Míguez, a patroa maior da confraría de Arcade, un dos colectivos sociais, asociacións de veciños e grupos ecoloxistas que apoiaron esta mobilización, convocada polo BNG de Soutomaior e que tivo como punto de partida a histórica ponte de Comboa.
Os mariscadores, do mesmo xeito que o resto de afectados, lamentan a falta de información e a ausencia de estudos ambientais sobre este trasvase.
"Enterámonos pola prensa", denunciou Míguez, a pesar de que "somos a maior empresa que hai en Soutomaior", e aínda que a Xunta xa se reuniu con eles e garántenlles que será un trasvase "puntual" para resolver unha situación de emerxencia social, non terminan de fiarse.
Asegura que este trasvase provocará un descenso "notable" no caudal do río, afectará as correntes e reducirá a cantidade de "alimento" que chega aos bancos marisqueiros da ría de Vigo e a enseada de San Simón.
A esta tese súmase o portavoz da Plataforma en Defensa do Río Verdugo, Fernando Malvar, que explicou que o "sufrimento biolóxico" que provocará este trasvase será "moito maior" nas áreas máis próximas á desembocadura do río, provocando "importantes" perdas tanto desde o punto de vista ecolóxico como económico.
"O Verdugo é como unha persoa que está asfixiada, se lle apretas un pouco máis vai a acabar por morrer", sinalou Malvar.
O trasvase prevé reducir á metade do caudal actual do Verdugo o que "xa incumpriría", dixo, as normas "máis básicas" da Xunta de Galicia en materia de caudais ecolóxicos. Ademais, afectará a todo o sistema biolóxico do río, desde macroinvertebrados ou pequenos bivalvos a "fauna máis vistosa" como lampreas, anguías ou salmóns.
Á manifestación, que concluíu ante a EDAR situada á beira do río Verdugo, asistiron tamén o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, ou concelleiros dos grupos de goberno dos concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas, este último co seu alcalde á cabeza.
Andrés Díaz reiterou que defenderá o seu rexeitamento a este trasvase "ante quen sexa" e lamentou que Augas de Galicia "non queira falar con nós". O alcalde asegura que "cada día que pasa" atópase "máis indignado" con esta actuación, sobre todo porque a canle para o trasvase pasará pola Ínsua, Silvoso e A Roca "que levan seis meses con cortes de auga".
Para Mosquera, este trasvase é un "atropelo" sobre o río Verdugo. Cualifica a actuación de Augas de Galicia como "delirante", xa que considera que "non ten ningún sentido" que se acometa esta obra antes de facer melloras no encoro de Eiras ou na súa rede de abastecemento, onde se perde un 40% da auga que se distribúe.
"Van a captar máis para que se fugue máis", denunciou o vicepresidente do goberno provincial, que garantiu que "dá igual quen sexa", o BNG manterá unha posición "clarísima" en contra deste trasvase.