Mozambique será o destino ao que viaxará en outubro a directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Raquel Morales. Non será de vacacións, senón para participar nun proxecto que impulsa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Será a encargada de traballar coa especialista na área de igualdade da Fundaçao Encontro na diagnose de xénero nos centros infantís de cinco comunidades rurais que se atopan en Boane, un distrito da provincia de Maputo, no sur do país africano.
Ademais, tamén se encargará de traballar no deseño, organización e realización de actividades coeducativas.
A directora do CIM amosa a súa ilusión por formar parte deste proxecto, no que tamén participan técnicos municipais dos concellos de Boiro, Rianxo e Lousame.
"Aportarei a miña experiencia en materia de igualdade de prevención da violencia", apunta Raquel Morales, que fala tamén da importancia de dar un pulo a novas actuacións que estean encamiñadas a favorecer a equidade de xénero.
Permanecerá en Mozambique durante tres semanas desenvolvendo esta actuación, da que Morales tamén salienta a oportunidade que supón "para coñecer e aprender das mulleres de Mozambique e traballar cunha organización con moitos anos de experiencia no país".