Fin de semana branco na Universidade de Vigo, aínda que non porque non haxa clase: alumnado, PAS e PDI poderán cambiar o campus polos esquís ou as táboas de snowboard grazas á Escola Prado Surf Club que, en colaboración co Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, organiza tres viaxes á neve con prazas reservadas para a comunidade universitaria.
Nesta ocasión os destinos serán as estacións de esquí San Isidro (León) e Grandvalira (Andorra), para os que os interesados xa se poden inscribir no Servizo de Deportes de cada campus ou a través de correo electrónico. Os prezos, desde 196 euros o paquete básico sen material nin clases ou dende 237 euros con viaxe, clases, materiais e pensión completa para aqueles que queiran practicar esquí e 249 euros para os que prefiran o snowboard.
As dúas primeiras excursións faranse á estación de esquí de San Isidro. Serán do 25 ao 27 de xaneiro, para a que o prazo de inscrición remata o próximo 18 de xaneiro, e do 22 ao 24 de febreiro, para o que a data de reserva amplíase ata o 15 de febreiro.
Pola súa banda, a última viaxe, que será á estación andorrana de Granvalira, durará unha semana, entre o 24 e o 30 de marzo. Esta saída, que pecha o período de inscrición o vindeiro 7 de marzo, contará ademais con tres excursións organizadas á capital de Andorra, ao balneario de Caldea e ao Palau de Gel.