Divulgaciencia volve a Soutomaior para fomentar a cultura científico-tecnolóxica da súa poboación

Soutomaior
09 de febreiro 2024

Comezará o 16 de febreiro cunha performance da artista Arantxa Treus

Cartez da terceira edición de Divulgaciencia en Sotuomaior
Cartez da terceira edición de Divulgaciencia en Sotuomaior / Concello de Soutomaior

O próximo 16 de febreiro arrincará de novo Divulgaciencia no municipio de Soutomaior. Trátase dun programa que promove a Concellería de Educación, dirixida a todas as idades e con numerosos obxectivos: fomentar a inquietude investigadora, divulgar de forma amena e sinxela contidos científicos, visibilizar e promover a participación da muller na ciencia contribuíndo á igualdade de oportunidades, implicar á cidadanía en actividades lúdicas vinculadas á rama científica e ofrecer recursos de lectura que fagan comprensibles estas disciplinas.

Con esta acción ademais, o Concello de Soutomaior conmemora o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia que se sinala no calendario cada once de febreiro. Iniciarase o venres día 16 de febreiro coa performance humorística 'A ciencia da adolescencia' a cargo da artista Arantxa Treus e que se ofrecerá ás 10.20 horas aos alumnos de terceiro curso da ESO do Colexio Santiago Apóstolo e ás 12.20 horas aos do IES Soutomaior.

Tamén este mesmo día desenvolverase 'Adolescentemente' impartido por KidCode. Trátase dun xogo por equipos para traballar o desenvolvemento cerebral na adolescencia dunha forma lúdica. Máis adiante, o 13 de maio está programada a Feira da Ciencia que nesta edición incluirá a alumnos de quinto e sexto curso de Primaria que se sumarán a estudantes de ESO e Bacharelato e será en Talo Río, Arcade.

As actividades educativas nas disciplinas científicas prolongaranse durante estes tres meses con propostas para escolares, talleres de divulgación, espectáculos e como novidade tamén se previu o roteiro científico ambiental 'Soutomaior mira ao mar. Especial Festa da Ostra 2024'.