A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, protagonizaron este venres no Pavillón de Galicia en FITUR unha divertida presentación da campaña de Turismo de Pontevedra na que reivindicaron á "capital española do turismo verde, deportivo e gastronómico" como "a cidade na que mellor se vive do mundo".
Asistiron á presentación o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias; os concelleiros do PP, Silvia Junco e Guillermo Juncal, e o deputado do PSOE no Congreso, Guillermo Meijón, entre outras personalidades.
Durante o acto foron exhibidos dous vídeos: un deles, que abriu a presentación, centrado nos espazos verdes urbanos da cidade do Lérez, e o outro a cómica peza audiovisual realizada por Fernando Portela, coa actuación estelar de Paco, que transmite a filosofía de vida dos pontevedreses: 'Non todo vai ser sufrir!'
Tal e como acontecera na pasada edición de Fitur, a concelleira de Turismo aproveitou a visita a Fitur do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, para facerlle entrega do agasallo repartido por Turismo de Pontevedra nesta Feira Internacional, consistente nun set de produtos de Hifas da Terra.
A CONTINUIDADE DA VÍA VERDE DO SALNÉS ATA A VILA DO LÉREZ
Os concelleiros pontevedreses xunto ao concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou, aproveitaron tamén para reunirse cos directivos da Fundación de Ferrocarrís Españois (FFE), José Carlos Domínguez e Maximiliano Cuevas, dos que conseguiron o compromiso para redactar o proxecto da senda que discorre entre Pontevedra e Barro para enlazar coa Vía Verde do Salnés en Portas.
Tras ter rematado o Concello de Pontevedra a memoria da futura senda que discorrerá polo municipio e o de Barro, a FFE anunciou que serán eles os que se encarguen de redactar o proxecto da actuación, tal e como fixeran no seu día coa Vía Verde do Salnés, a primeira que discorre por territorio integramente galego. Tamén falaron da posibilidade de "musealizar" un antigo ferrocarril.
Os concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas, xunto cos de Barro e Pontevedra traballan dende hai case un ano no proxecto común para crear un gran trazado peonil e cicloturista que dea continuidade á Vía Verde do Salnés, que discorre entre os tres primeiros, para chegar ata á capital da provincia.
Esta gran senda, que no seu conxunto sumará 24 quilómetros de lonxitude, aproveitaría tanto partes do trazado ferroviario en desuso, como sendas forestais e da parcelaria e incluso algún tramo do camiño de Santiago. Os cinco municipios implicados apostan forte por esta iniciativa debido ao elevado valor turístico que reportaría este novo recurso para toda a zona.