A Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local (Unijepol) e a Federación Estatal de Técnicos de Educación Viaria (Fetevi) decidiron distinguir coa Medalla de Ouro "pola súa traxectoria profesional e o seu firme compromiso coa formación en seguridade viaria", ao axente municipal de Sanxenxo, Abelardo Martínez.
A entrega de distincións será o próximo 19 de novembro no Ifema de Madrid no marco do evento Global Mobility Call.
Abelardo Martínez leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fóra do municipio, pero foi en 2012 cando creou á marioneta O Poli Paco, ao que seguiu Ero o Bombeiro, o avó Nicolás e a Poli Lola.
A idea deste monicreque xurdiu como unha forma de achegarse aos escolares e marcou unha tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria.
O seu modo de impartir seguridade viaria nos colexios fíxoo merecedor de diversos premios como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o Cidadán Ponle Freno.
Martínez participou en distintos foros, charlas e congresos celebrados en distintos puntos de España para achegar a súa visión sobre a seguridade viaria e como concienciar aos máis novos.
Ademais da rotonda do Poli Paco do colexio da Florida, este ano as Concellarías de Educación e de Seguridade Cidadá e Emerxencias publicaron o conto "Aprende seguridade viaria co Poli Paco", un total de 2.000 exemplares que xa están a chegar aos centros educativos do municipio.