Dispositivo especial de tráfico polo mitin de Rajoy

Pontevedra
05 de outubro 2012

Con motivo do mitin do Partido Popular de Galicia na praza de touros de Pontevedra a policía local habilitou un dispositivo especial de tráfico.

O guindastre leva un vehículo
O guindastre leva un vehículo / PontevedraViva

Con motivo do mitin do Partido Popular de Galicia na praza de touros de Pontevedra a policía local habilitou un dispositivo especial de tráfico.

Segundo o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, espérase que acudan unhas 12.000 persoas ao coso de San Roque.

Segundo a policía local, ao redor de 180 autobuses procedentes de toda Galicia, a maioría da provincia pontevedresa, desprazaranse ata a cidade para apoiar a candidatura de Feijóo á Presidencia da Xunta a unha hora moi taurina, as cinco da tarde.

Tras os incidentes acontecidos cun grupo duns 300 traballadores de Navantia e Poligal, que lles impediron realizar a tradicional pegada de carteis a media noite en Ferrol, a Subdelegación do Goberno, reforzou as medidas de seguridade, máxime tendo en conta a participación no macromitin do presidente nacional do PP, Mariano Rajoy.

A Policía Local puxo en marcha un operativo de tráfico especial, que prohibirá a circulación en todo o ámbito da Praza de Touros e na rúa San Roque mentres duren os actos.

Ademais e co fin de estacionar os autobuses, serán pechados ao tráfico dous carrís da avenida das Corbaceiras na marxe do río Lérez.

Dende as dez da mañá do sábado non estará permitido o estacionamento na propia avenida Das corbaceiras, na marxe do río, entre a ponte da Barca e o peirao de Mareantes, e no ámbito da Praza de Touros.

O líder nacional, que se envorcará máis nas eleccións galegas que nas vascas tamén estará presente no peche de campaña, aínda que os populares aínda non decidiron en que escenario lanzarán a súa última mensaxe ao electorado antes do domingo electoral.

Arquivado en