Este martes 26 de agosto púxose en marcha en Ponte Caldelas un dispositivo especial de tráfico coa intención de facilitar o normal desenvolvemento das Festas dos Dolores.
Deste modo, ata o día 2 de setembro, habilitaranse zonas de aparcadoiro disuasorio nas entradas e saídas da vila dende Pontevedra, Aguasantas-Cotobade, A Insua-Soutomaior-Arcade e Caritel-Forzáns-A Lama.
O dispositivo iniciouse ás 15:00 horas con restricións de aparcadoiro na Praza de Fornelos de Montes, ámbito da Praza de Abastos e Praza de España para posibilitar a instalación das atraccións de feira.
Dende o sábado 30 ata o martes 2 de setembro non se poderá estacionar no ámbito da Praza de Abastos nin tampouco circular por esta zona, que ocuparán os escenarios das orquestras.
O plan especial complétase coa prohibición, o martes 2, de aparcar na Rúa da ponte, Avenida de Vigo, Avenida de Pontevedra e Avenida de Galicia dende as 19 horas e ata que finalice a Procesión en honor á Virxe dos Dolores.