Nenos e adultos tentarán facerse con algunha das roscas de pan con ovos e chourizos que o sábado 13 de febreiro no lugar de Cabaleiro na parroquia pontevedresa de Campañó estableceranse como premio na coñecida como Gran Corrida da Rosca. Trátase dunha festa tradicional, que data do ano 1918 e que foi recuperada en 2015 pola asociación cultural e deportiva de Campañó.
A condición fundamental para participar neste evento é vestir de choqueiro e correr en busca desta artesanal rosca de pan que nos primeiros anos do século XX convertíase en todo un manxar para os participantes.
Este ano participa tamén o ANPA San Pedro do Colexio de Campañó, co apoio económico do Concello de Pontevedra. Este venres, a festa foi presentada no Concello de Pontevedra coa presenza dos organizadores e da concelleira de Festas, Carme da Silva. Segundo os organizadores, esperan superar os máis de 150 participantes que asistiron o pasado ano.
A Gran Corrida da Rosca dividirase en cinco probas ou categorías, segundo as idades. E ao remate celebrarase unha merenda e un baile-concurso de disfraces. O Entroido desta parroquia contará o día 6 coa tradicional cea, organizada pola asociación cultural e deportiva de Campañó.