Discusión entre os gobernos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas polo proxecto de parque éolico dos Cotos

Ponte Caldelas
04 de xaneiro 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade remitiu unha carta ao su homólogo de Ponte Caldelas para convidalo xunto ao resto de grupos municipais á concentración de protesta prevista o vindeiro domingo 9 de xaneiro na Chan, e o rexedor caldelán asegura que acudirá se desde Cotobade comprometen "por escrito a denunciar á administración que permita a implantanción de parques eólicos, sexa Xunta de Galicia ou Goberno de España"

Pancarta no Concello de Ponte Caldelas contra eólicos e liñas de alta tensión
Pancarta no Concello de Ponte Caldelas contra eólicos e liñas de alta tensión / Concello de Ponte Caldelas

O proxecto de parque eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, ou máis ben a resposta a esta iniciativa provocaron este martes unha pequena discusión entre o goberno local deste municipio co do veciño Ponte Caldelas.

Desde Cerdedo-Cotobade o seu rexedor, Jorge Cubela, remitiu por carta unha invitación ao seu homólogo caldelán, Andrés Díaz, e ao resto de grupos da corporación municipal para participar na concentración veciñal de protesta contra o parque eólico convocada o vindeiro domingo 9 de xaneiro (12.00 horas) na Chan, en Carballedo.

Cubela sinalaba na súa misiva o desexo de manter neste conflito unha actitude de "man tendida ao consenso, ao diálogo e ao entendemento con todos os sectores e colectivos afectados sabedores de que a única maneira de vencer é fomentando a unidade de acción e a incorporación do maior número posible de activos".

O rexeitamento do goberno local de Cerdedo-Cotobade débese aos prexuízos que, ao seu entender, tería a nivel ambiental a instalación dos aeroxeradores e tamén as liñas de alta tensión.

RESPOSTA DE PONTE CALDELAS

Ante esta carta e en relación á concentración, desde o Concello de Ponte Caldelas considérase que sería máis idóneo "que tivese lugar fronte ao edificio da delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, debido a que é esta administración a que está a tramitar a autorización do parque eólico dos Cotos".

Por ese motivo Andrés Díaz supeditou a súa participación na protesta así como a dos concelleiros do grupo de goberno "a dúas cuestións básicas para frear a implantación dos parques eólicos nos nosos municipios e, por tanto, que os dous concellos vaiamos da man".

Esas cuestións serían o compromiso "por escrito" do alcalde de Cerdedo-Cotobade de que a administración que lidera realizará informes desfavorables contra o parque eólico dos Cotos e tamén que denunciará xudicialmente a calquera administración "sexa xunta de Galicia ou Goberno de España" que permita a implantación de parques eólicos no seu municipio.

Díaz asegura que queda á espera de recibir o "compromiso real, firme e por escrito con estas dúas cuestións básicas para defender os nosos municipios dun ataque ao rural sen precedentes que, o único que busca é o beneficio dunhas empresas ás que, o que menos lles preocupa é o rural galego".

ASEMBLEA VECIÑAL ABERTA EN CARBALLEDO

Doutra banda o alcalde de Cerdedo-Cotobade convocou para o venres 7 de xaneiro ás 18.00 horas, no pavillón de Carballedo, unha asemblea veciñal aberta na que participarán técnicos da empresa Tysgal, especializada en temas ambientais, para explicar a liña que van seguir para presentar as alegacións do  Concello en contra do parque eólico.

Trátase dunha reunión destinada a informar a veciños de Carballedo, Borela, Rebordelo e Loureiro, principais zonas afectadas pola implantación deste proxecto.

Arquivado en