O tenente de alcalde e viceportavoz municipal, Tino Fernández, falou este luns sobre as denuncias efectuadas na última semana pola Policía Local en relación ao cumprimento das restricións para previr os contaxios da covid-19. O edil socialista confirmou un total de 25 denuncias en toda a semana, 5 correspondentes as xornadas do luns ao xoves, e 20do venres ao domingo.
Segundo Tino Fernández, esta cifra mostra que diminuíu de xeito importante o número de denuncias e que as normas se están cumprindo cada vez con máis rigurosidade por parte tanto dos cidadáns como da hostalería. Neste sentido quixo agradecerlle aos hostaleiros de Pontevedra "o esforzo que están a facer para que esas normas, necesarias para previr e conter este virus, se estean a cumprir".
A Policía Local de Pontevedra quixo trasladar que o nivel de cumprimento é altísimo e que así se reflicte no baixo número de denuncias. Segundo comentan, os únicos incidentes algo máis 'graves' que se deron foron un o pasado venres cunhafesta prohibida de oito persoas dentro dun galpón en O Arco (Lérez) que se detectou pola elevada música, sendo a única festa illada que se atopou durante toda a semana. Tamén houbo outro incidente que se deu o sábado na Praza da Verdura cando un xove insultou e intentou agredir uns axentes tras ser advertido por estes debido a que se atopaba sen máscara protectora na rúa.
O concelleiro terminou agradecendo o cumprimento das normas por parte da cidadanía que nada ten que ver con estes dous casos illados, e dicindo que queda bastante por mellorar e que teremos que esperar a que toda a poboación reciba a vacina para estar totalmente tranquilos.