Queridos lectores, imaxinádesvos unha vida escumosa, de cor de rosa, chispeante, alegre e elegante? Eu si! Por agora só a imaxinaba, é certo, pero por fin é posible facela realidade. Hai que empezar por beber algo coas mesmas características. Do que se come críase e do que bebes, vívese! Recordade que somos líquido nun 70%. Algúns espécimes mesmo superan esta cifra.
Por iso, para iniciarme no camiño do bo vivir non o pensei dúas veces cando me invitaron á presentación do novo Brut Rosado Novavila (D.O. Rías Baixas), no hotel enolóxico do mesmo nome: Un viño escumoso da cor das vidas felices, que chega no momento preciso, uns días antes de que finalice o ano. Ideal para facer borrón e conta nova e abandonarse aos pequenos praceres de 75 cl.
Calidez e bo gusto sempre no Hotel Novavila.
Cunha produción limitada de cincocentas botellas, o que o fai máis valioso se cabe, chega este elixir da felicidade que mestura uvas espadeiro, caíño e sousón, todas da comarca do Salnés menos a última que se "importa" do Condado do Tea. Se Novavila xa tiña unha deliciosa produción de albariño, agora, en prol da innovación sobre a base da tradición, presentan este viño escumoso rosado que saca o máximo partido ás devanditas variedades autóctonas. Unha volta de rosca que José Luis Vilanova, propietario e xerente da firma, nos presentaba con esa paixón que lle caracteriza mentres enchía as nosas copas e as tinguía da cor máis chic que existe.
Riquísimo, o seu sabor recorda froitas negras, cereixa e pan tostado
Na presentación tamén estaban as velas de albariño de Novavila de aroma espectacular que se vende en España e en países como Italia, Francia e Portugal. ÿnicas!
Aínda son escasos os escumosos rosados na nosa terra pero empezan a estar moi de moda e que queredes que vos diga? Eu son fan absoluta! Dende que tomei a miña primeira copa de champagnerosé, hai uns cantos anos, no restaurante Lágrimas Negras do Hotel Porta América de Madrid, o meu corpo seguiu a tendencia fresca e xovial que outorgan as burbullas e a atracción case visceral cara a esta cor. O resultado? Un cóctel "A vie en rosé" que me anima a seguir loitando. Asegúrovolo!
Novavila rosado escumoso en versión "American Beauty".
Ideal para acompañar mariscos, peixes, arroces e tamén carnes -propias ou alleas-, o seu manual de uso indica, como outros escumosos, que non se debe consumir só ás sobremesas, estraña tradición que existe no noso país con todo o que leve burbullas. Utilizádeo a todas as horas e mesmo como un rico aperitivo de mañá. Segundo a miña filosofía de vida, as 12.00 a.m é a mellor hora para abandonar o tramo horario do café e pasarse a algo máis divertido. Iso si, coidado se despois tedes que conducir. Moderación e sentido común, sempre!
No evento, a maridaxe fíxose con empanada de raxo, humus e queixo.
O viño rosado leva uvas tintas así que surtiredes as vosas células da súa porción de antioxidante sen sentir a solidez dos viños tintos. Unha boa alternativa cando estamos indecisos entre o branco e o tinto. Pero o rosado escumoso NOVAVILA non é só unha alternativa é un luxo alcanzable que ademais, como todo o que sae de Novavila, nace dentro da sensibilidade ambiental e o cariño na súa produción. Toda unha sorte ter estas propostas vangardistas aquí en Pontevedra que relanzan, como acontece neste caso, materias primas das que ás veces nos esquecemos.
Este viño vai estar nalgúns dos mellores restaurantes do país.
Se queredes amorear este Nadal o brut escumoso rosado Novavila ou simplemente catalo por primeira vez, vos podedes poñer en contacto coa firma (609 111 023 e info@novavilariasbaixas.com) e vos darán información sobre puntos de venda. Un exclusivo regalo que podedes facervos a vós mesmos ou aos vosos seres -non abstemios- máis queridos.
Co anfitrión, José Luis Vilanova, gozando de Novavila.
Bicos, apertas e que teñades un bo Nadal cheo de burbullas!