O Colexio da Avogacía de Pontevedra acolle este luns dúas sesións informativas ás 12.30 e ás 13.30 horas. 'Dignidade Avogacía Pontevedra' manterá nelas un encontro con profesionais deste colectivo para trasladar as súas impresións en relación coas Asembleas Ordinaria e Extraordinaria da Mutualidade que se celebraron en Madrid.
O tema relacionado coas pensións e as xubilacións é a cuestión que máis preocupa ao sector e anuncian desde a plataforma que o venres 12 de xullo, día da Asistencia Xurídica Gratuíta e da Quenda de Oficio, acudirán ás 12.00 horas a Cangas para participar na manifestación en representación de colexiados e colexiadas de Pontevedra.
Durante os últimos días, representantes de 'Dignidade Avogacía Pontevedra' mantiñan un encontro con integrantes da Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados, tras mediación de María Adrio, deputada por Pontevedra e tamén avogada. Na reunión estaba presente o portavoz da Comisión, Francisco Aranda.
Consideran que a reunión foi de "máximo proveito" para intercambiar impresións e coñecer as actuacións, ademais de que a plataforma pontevedresa trasladou a súa análise global da situación da Avogacía de Oficio con propostas documentadas.
Demandan unha regulación do réxime xurídico dos profesionais que presstan o servizo público de asistencia xurídica gratuíta a través da inclusión na futura Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta, que se atopa en fase de anteproxecto de lei.
Queren que se aborde a vinculación especial entre a Administración e o profesional da Avogacía que realiza o servizo recollendo dereitos e deberes por esa prestación. Tamén demandan a ordenación da extensión e condicións da realización dese servizo público de asistencia xurídica gratuíta.
As representantes de 'Dignidade Avogacía Pontevedra' deixaron presentada a súa proposta no Rexistro do Congreso dos Deputados para que sexa trasladada ao Goberno do Estado e téñase en conta na redacción do anteproxecto de lei.