Nun prazo de 21 meses, Pontevedra estreará un novo edificio xudicial. Así o destacou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que quixo ser testemuña do "día un" destas obras que permitirán, segundo sinalou, que a capital da provincia conte coa súa particular "cidade da xustiza", onde se agruparán todas as unidades xudiciais da cidade, prestando un mellor servizo á cidadanía.
Para a construción desta nova infraestrutura xudicial destinaranse máis de 17 millóns de euros. Segundo o arquitecto Guillermo Díaz, director da obra, o novo inmoble contará cuns 21.000 metros cadrados. Terá forma circular, estará articulado ao redor dun patio e estará conectado co actual edificio dos xulgados mediante unha pasarela.
Os novos xulgados terán dúas plantas de soto para arquivo e aparcadoiro para uns 240 vehículos -en principio reservadas para os traballadores-. Na planta baixa e a primeira planta, que compartirán un gran vestíbulo, centralizarase a atención ao público; mentres as catro plantas superiores acollerán unha vintena de unidades xudiciais.
Alí trasladarase toda a xurisdición non penal: catro xulgados do social e dous do mercantil que están na Audiencia de Pontevedra, os tres do contencioso administrativo que están na rúa Germán Adrio e os seis xulgados de primeira instancia que están na Parda.
No actual edificio seguirán os xulgados do penal e as dependencias da Fiscalía, que resolverán os seus actuais problemas de espazo. Neste vello edificio tamén se realizarán unha serie de reformas unha vez entren en funcionamento os novos xulgados e se distribuan os espazos que quedarán libres co traslado.
Ademais, a Xunta reservará espazo para posibles ampliacións futuras.
Rueda, que estivo acompañado polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas; o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; ou os decanos dos colexios de avogados e procuradores da cidade, explicou que os traballos se iniciarán nos próximos días coa roza e preparación de toda a parcela na que estará situado o novo edificio, entre os actuais xulgados e a vía do tren.
O novo edificio, segundo sinalou o vicepresidente galego, "é moi bonito" arquitectónicamente e servirá para "dar unha nova fachada" ao aspecto urbano desta zona da cidade de Pontevedra.
Por parte do Concello, a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, sinalou que o de hoxe era un "día satisfactorio" para Pontevedra porque a cidade "leva moito tempo agardando" por este novo edificio xudicial. O goberno municipal confía en que supoñerá unha mellora "signiticativa" para en funcionamento da xustiza e que tanto traballadores como usuarios poidan facer as súas xestións "mellor e máis comodamente".