Este domingo 1 de decembro foi un día de celebración en Poio. O Concello, como xa é tradición, rendeu homenaxe ás parellas do municipio que celebran as súas vodas de ouro.
Nesta ocasión, foron once os matrimonios protagonistas da homenaxe. Con eles quixo brindar o alcalde, Ángel Moldes, nun acto "moi especial e emotivo".
"Hoxe é un día de recoñecemento ao que significan 50 anos de matrimonio, de amor, de respecto, de sacrificio e de comprensión mutua", destacou Moldes.
O alcalde insistiu en que este é un para recordar e valorar "todo o que conseguistes despois dunha vida xuntos" e quixo trasladar ás once parellas: "Sodes grandes exemplos para todos nós".
O salón estaba decorado para a ocasión e todas as parellas recibiron un diploma e un ramo de flores e fíxose repaso aos momentos máis importantes das súas vidas e aos fitos máis importantes acontecidos en 1974, ano da súa voda.
Os matrimonios homenaxeados foron os de Félix Gulías e Herminia Hermida, José Manuel Tilve e Mercedes Couselo, José Torres e Dolores Rodríguez, Juan Manuel Rial e Trinidad Piñeiro, Rogelio Vilariño e María del Carmen Iglesias, Ángel Modesto Piñón e Ramona Penela, Sebastián Tomé e María Ángeles Blanco, Ángel Martínez e María Luisa Aguín, José Luis Martínez e María Dolores Franco, José Ferreiro e Elsa Torres e Francisco Castro e Rosa Casal.
Todos eles casaron hai 50 anos en Poio. Segundo a información facilitada polo Concello, 118 matrimonios celebraron a súa voda en Poio en 1974 e 31 deles fixeron a súa vida en Poio e teñen a sorte de vivir os dous membros. Por circunstancias persoais, tan só once participaron nesta homenaxe.
Ata a Casa Rosada achegáronse, ademais dos matrimonios e os seus familiares e amigos, o alcalde e a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres.