'Día mundial dos océanos', día reivindicativo para pedir que paren as verteduras na ría

Poio
07 de xuño 2019

A Plataforma polo Saneamento integral da Ría de Pontevedra e SOS Ría de Pontevedra levarán a cabo este sábado 8 unha visita procesional con embarcacións á contorna da Illa de Tambo para, ás 12.00 horas, concentrarse no peirao de Combarro

Emisario da EDAR en Tambo
Emisario da EDAR en Tambo / Asociación polo Saneamento da Ría - Arco Iris

Este sábado celébrase o Día Mundial dos Océanos. Con esta conmemoración, a Plataforma polo Saneamento da Ría de Pontevedra e o colectivo SOS Ría de Pontevedra aproveitan para levar a cabo un acto reivindicativo coa intención de denunciar a contaminación que sofren as augas da ría. Alegan que esta situación afecta economicamente tanto á actividade dos mexilloeiros como a outros sectores que viven do mar. 

Por este motivo este sábado 8 teñen previsto levar a cabo un percorrido en embarcacións ata a contorna da Illa de Tambo onde se atopa o emisario submarino para, a continuación, ás 12.00 horas, no porto de Combarro realizar unha concentración reclamando que se eliminen as verteduras na ría de Pontevedra.

A continuación está prevista a celebración do Día dos Océanos coa presenza de música folclórica e degustación de mexillóns. Será unha forma de sensibilizar á cidadanía sobre o problema que se vive nesta contorna.

A Asociación polo Saneamento da ría difundiu en redes sociais un vídeo no que se reflicten as verteduras que xera o emisario da Estación depuradora dos  Praceres (EDAR) e que se atopa nas proximidades de Tambo. O vídeo mostra os residuos fecais que se están emitindo directamente á ría e que alarman a todo o sector sobre as consecuencias que pode ter sobre a saúde das augas.