Haberá controis de glucemia, consellos nutricionais e moita información, para sensibilizar polo Día da Diabetes

Pontevedra
13 de novembro 2024
Actualizado: 15:04

O centro de saúde de Lérez, o Mercado Municipal de Abastos de Pontevedra, os colexios Sagrado Corazón de Placeres e Julia Becerra Malvar de Ribadumia acollerán mesas informativas e obradoiros

Insulinas e medidor de glucosa para pacientes diabéticos
Insulinas e medidor de glucosa para pacientes diabéticos / PontevedraViva

Este xoves 14 de novembro conmemórase o Día Mundial da Diabetes e con tal motivo organizáronse unha serie de actividades na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Así, profesionais do centro de saúde Virxe Peregrina instalarán no Mercado de Pontevedra, entre as 10:30 e as 13:30, horas unha mesa informativa de prevención, abordaxe, educación en diabetes con probas de determinación de glucosa.

As enfermeiras especialistas en Familiar e Comunitaria, xunto con residentes desta especialidade e nutricionistas deste centro de Atención Primaria pontevedrés incidirán nestas dinámicas e educación sanitaria, co obxectivo de concienciar ás persoas con diabetes, familiares e poboación xeral sobre esta patoloxía, a súa prevención e control mediante a promoción dunha alimentación sa e a realización de actividade física.

Outras iniciativas levaranse a cabo no eido educativo da man de profesionais dos centros de saúde de Lérez e de Ribadumia.

No salón de actos do Colexio Sagrado Corazón de Placeres, entre as 9:30 e as 11 horas, celebrarase unha charla informativa para 100 alumnos de segundo ciclo -3º e 4º de Primaria- efectuada por enfermeiras especialistas e nutricionistas, en colaboración coa asociación ANEDIA.

Así mesmo, na entrada deste centro de saúde de Lérez vai instalarse, entre as 11:30 e as 13:00 horas, unha mesa informativa na que tamén participará voluntariado da asociación.

Pola súa banda, profesionais do centro de saúde de Ribadumia desprazaranse ao colexio Julia Becerra Malvar desta localidade, onde impartirán un obradoiro para 40 alumnos de 6º de Primaria, onde aprenderán conceptos sobre a diabetes, os controis de glicemia capilares, factores de prevención, exercicio e dieta saudable.