O Día Europeo da Arte Rupestre afondará no Museo no significado dos petróglifos galegos

Pontevedra
07 de outubro 2024
Actualizado: 19:51

O Museo de Pontevedra celebra este mércores 9 de outubro o Día Europeo da Arte Rupestre con dúas actividades: unha conferencia aberta ao público e un obradoiro concertado con centros escolares

Exemplo de arte rupestre
Exemplo de arte rupestre / <p><strong>Petroglifo </strong>de arte rupestre locaizado en Galicia</p>

O Museo de Pontevedra sumarase este mércores 9 de outubro á conmemoración do Día Europeo da Arte Rupestre coa organización de dúas actividades: unha conferencia aberta ao público e un obradoiro concertado con centros escolares.

O arqueólogo galego Manuel Santos Estévez, do INCIPIT-CSCIC, será o encargado da conferencia, que leva por título 'De que falan os petróglifos? Unha aproximación ao significado da arte rupestre en Galicia'.

Segundo a información adiantada polo Museo, o relator achegará ao público ás últimas interpretacións da simboloxía presentes nos gravados dos montes galegos. Será ás 19.00 horas no Edificio Castelao.

Este investigador galego presentará varios casos nos que, cunha metodoloxía baseada na arqueoloxía da paisaxe e en estudos etnográficos, é posible aproximarse á función e ao significado de moitos dos petróglifos prehistóricos galegos. Falará das mensaxes que se atopan detrás de manifestacións como combinacións circulares, representacións de armas e escenas de caza.

Manuel Santos Estévez é arqueólogo especialista en arte rupestre. Doutor en Historia dende 2004 pola Universidade de Santiago de Compostela, foi membro do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC entre 1995 e 2009, onde dirixiu medio centenar de traballos arqueolóxicos entre os que cabe destacar o proxecto de documentación do Parque de Campo Lameiro.