Pontevedra despediu este luns ás atraccións e barracas da festas da Peregrina coa celebrada convocatoria do "Día do Neno".
En teoría o prezo das atraccións era o 50% menos respecto ao prezo establecido nos días de feira, no horario habitual de 17,00 horas a 22,00 horas. Non obstante non todos os feirantes parecían saber dividir entre dous, posto que o que antes valía 3,50 se rebaixou ata os dous euros. Outros optaron por axustar o tempo das viaxes conforme aos novos prezos.
Pero non houbo demasiadas queixas, baixo a máxima de "un día é un día" os resignados pais repetiron o milagre dos pans e os peixes e das súas maltreitas carteiras apareceron suficientes moedas como para gozar de "só unha viaxe máis, a última", como dicía aquela nai á que só media hora máis tarde sorprendemos facendo cola fronte a outra atracción.
O bo tempo propiciou a afluencia masiva de xente ata a Alameda onde as colas se fixeron interminables. Os máis animados eran os avós, obstinados en reactivar a economía española empezando polos petos dos feirantes.
Non obstante, a maioría dos propietarios dos postos lamentaban os escasos ingresos obtidos na semana grande das festas da cidade. Todo eran queixas en atraccións como o Explorer, o Boomerang, o Salta Montes, o Barco Pirata, a noria, os cabaliños, as camas elásticas, as tartarugas ninja, ou os coches de choque. Agora toca recoller que chegan os ciclistas.