Día de pesca e paseo pola ría para personas con mobilidade reducida

Pontevedra
24 de setembro 2016

Persoas con mobilidade reducida gozaron este sábado dunha xornada de pesca e dun paseo pola ría de Pontevedra. Foi unha actividade organizada pola asociación Amizade. A embarcación, aportada polo Club Minauta, era unha zodiac de pequeno tamaño cuxo deseño permite que se poidan incorporar de xeito relativamente sinxelo persoas en cadeira de rodas

Xornada de paseo pola ría e pesca para persoas con mobilidade reducida
Xornada de paseo pola ría e pesca para persoas con mobilidade reducida / Cristina Saiz

Persoas con mobilidade reducida gozaron este sábado dunha xornada de pesca e dun paseo pola ría de Pontevedra. Foi unha actividade organizada pola asociación Amizade.

A embarcación, aportada polo Club Minauta, era unha zodiac de pequeno tamaño cuxo deseño permite que se poidan incorporar de xeito relativamente sinxelo persoas en cadeira de rodas. Así, fixéronse dúas quendas de viaxes.

O paseo en barco partiu do peirao das Corbaceiras e continuou río arriba ata a estación de bombeo, para volver a continuación ao lugar de partida.

Trátase dunha actividade que espertou grande interese entre as persoas con mobilidade reducida -en especial, as usuarias de cadeira de rodas- polo feito de que non soen ter oportunidade de gozar do transporte marítimo debido a escasa accesibilidade coa que contan peiraos e embarcacións.

Ao tempo no peirao de Corbaceiras, á beira da sede do Gremio de Mareantes, varias persoas puideron gozar da xornada de pesca para a cal Amizade contou coa colaboración de varias persoas con experiencia, que se ofreceron a prestar a súa axuda en todo o referente á preparación do material necesario e que supervisaron esta actividade.

Amizade agarda que con esta xornada se contribuíra a que algunhas destas persoas atoparan unha nova afección para ocupar o seu tempo de lecer.

Ademais, foi unha nova oportunidade de facer ver á sociedade, sinalan desde a asociación, que as persoas con discapacidade "somos quen de realizar moitas cousas, sempre que poidamos contar coas condicións axeitadas".

Con esta iniciativa lúdica, desde Amizade aproveitan tamén para denunciar novamente o actual estado dos peiraos e das embarcacións. Aseguran que nas Rías Baixas seguen a construírse peiraos e pantaláns que non contan coas axeitadas condicións de accesibilidade, e se permite a posta en funcionamento de embarcacións que non poden transportar persoas con mobilidade reducida, "embarcacións que efectúan transporte baixo concesións públicas".

"As persoas con discapacidade poden facer as mesmas cousas que as persoas sen discapacidade, se contan cunhas medidas de accesibilidade e de apoio axeitadas", recordan desde este colectivo, e cando isto non acontece, "o que se está a facer é discriminar, impedir que exista unha verdadeira igualdade de oportunidades", algo que deberían ter como obriga "legal e moral" as administracións públicas.