Caras de soño, pero tamén de ilusión por reencontrarse cos seus compañeiros. Esa foi a estampa máis repetida este xoves en Pontevedra. Tras máis de dous meses de vacacións, as aulas dos colexios volven estar cheas de vida. Si, tamén para alivio dos pais.
"Custoulle moito saír de cama. Quería seguir durmindo", aseguraba Loli, nai dun alumno do CEIP de Marcón, nada máis deixalo dentro do colexio. Telmo, que tamén ten un fillo neste mesmo colexio, explicaba que "vén con ganas de volver ver aos seus amigos".
Ás portas deste colexio rural, no que este curso estudarán 144 nenos e nenas, os reencontros fixéronse extensibles aos pais, que mantiveron animadas charlas entre os seus iguais mentres os seus fillos ían entrando a clase de maneira graduada.
Para eles, ademais, comeza un curso escolar que será máis caro para os seus petos, ante un mercado disparado pola inflación. Aínda que, por agora, moitos aseguran non notalo porque, segundo Bibiana, "teño un neno moi pequeno e de momento non teñen libros".
"Aínda non se o que será porque nos acaban de dar a lista de material", engade Carmen.
Ata o colexio de Marcón, como fan cada ano por estas datas, achegáronse á primeira hora o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Educación, Tino Fernández, para saudar ao claustro e ao alumnado do centro nesta volta a clase.
Tras visitar todas as aulas do colexio, Fernández Lores puxo en valor o traballo realizado polo Concello para que os 21 centros educativos do municipio estean en boas condicións para o inicio de curso, pero instando a Educación a asumir todas as súas competencias.
Compartir responsabilidades "non ten sentido", sinalou o alcalde, e "xenera problemas" na organización dos colexios, sendo o Concello quen debe asumir "obras menores", a limpeza dos centros ou a contratación dos conserxes.
"Facemos un esforzo importante en manter os colexios en condicións dignas para dar as clases", engadiu o edil socialista, que explicou que no caso de Marcón ao longo deste verán pintáronse as instalacións e arranxáronse portas e xanelas.
A obra máis importante, realizada nos últimos meses, foi o novo parque infantil do colexio, financiado pola Deputación de Pontevedra, que supuxo unha remodelación integral dos elementos do xogo e o pavimento.
O orzamento que manexa o Concello para este tipo de obras de mantemento, segundo Fernández, ascende a uns 250.000 euros, aínda que ao longo do ano vanse incorporando novos fondos porque, recoñeceu o concelleiro de Educación, "non chega".
Ademais do CEIP de Marcón, os responsables municipais visitaron tamén un colexio do ámbito urbano, neste caso o CEIP A Xunqueira I, onde este ano cursarán estudos preto duns trescentos nenos e nenas.
Este é un dos colexios de Pontevedra onde, ante a caída da natalidade, pechou unha aula. Foi unha das dúas que había en primeiro de Primaria.