Este venres 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e o Concello de Pontevedra, en colaboración co portal de divulgación científica GCiencia, organizou un encontro de divulgadoras científicas no Pazo da Cultura.
Neste acto participaron Carmela Cela Rodríguez, investigadora predoutoral no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa do CSIC; Paula Otero Sánchez, da canle de Twitch Ciencia e Tal e investigadora predoutoral no grupo Genomes and Disease do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago; Alba Aguión Tarrío, investigadora do laboratorio Future Oceans Lab da Universidade de Vigo e monologuista de ciencia; e Andrea Muras Mora, investigadora posdoutoral na Universidade Pública de Navarra e divulgadora no blog Ciencia Miúda.
O debate foi coordinado pola concelleira de Cultura Carmen Fouces. Para abrir a xornada, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, animou coas súas palabras a que o alumnado de 2º ciclo da ESO, Bacharelato e FP que formaba parte do público se decantase por unha carreira investigadora porque "a ciencia é clave para o avance da sociedade". En especial, alentou ás nenas, as destinatarias deste día internacional, porque, como lembraba o alcalde, actualmente só o 30 por cento dos científicos son mulleres.
DIVULGADORAS E CIENTÍFICAS
O debate estivo centrado nas reflexións e intercambio de experiencias das catro investigadoras ao redor da divulgación da ciencia. Temas como as novas canles de comunicación, como YouTube, Twitch ou plataformas streaming, o achegamento á xente moza da ciencia, a fenda de xénero na ciencia e no eido da divulgación ou a promoción das vocacións científicas.
As catro participantes transmitiron a paixón polo seu traballo con exemplos do seu día a día, no que alternan xornadas no laboratorio, viaxes a Congresos, estudo de publicacións do seu ámbito ou análises de datos, entre outras.
Paula Otero explicaba como na súas investigacións trata de entender a relación dos virus e o cancro, como o coñecido do papiloma humano e o seu vencello coñecido co cancro de cérvix pero tamén co da cabeza e pescozo. Ou como virus da hepatite B pode desembocar nun cancro de fígado.
Andrea Muras falaba da súa tese, na que estuda a capacidade das bacterias para vivir elas soas ou en grupo. Igual que os humanos, as bacterias varían o seu comportamento e a súa capacidade de atacar, polo que facer un seguimento do seu comportamento pode axudar a previr enfermidades.
Carmela Cela amosaba os achados da súa tese na que investiga como envellece o sistema inmunitario das persoas ata xerar unha predisposición a desenvolver certas enfermidades. A clave está na glándula timo, situada un pouco máis arriba do corazón, que ao empequenecer coa idade faise menos funcional e polo tanto debilítanse as defensas. Se se logra averiguar este mecanismo, poderase estimular a glándula ou atrasar este proceso.
Alba Aguión contaba a súa traxectoria dispar, que a levou a estudar as formigas invasoras co fin de desenvolver pesticidas para combatelas, despois centrarse na actividade dos glaciares no Ártico ata a súa actual investigación sobre os percebes, tan importantes na economía de Galicia, Euskadi e Portugal pero dos que se coñece só unha parte da súa bioloxía. Os seus estudos enfócanse en lograr unha mellor xestión deste crustáceo e para iso tamén colabora con confrarías e pescadores.
PREMIOS DO CERTAME DE RELATOS CURTOS
Previo a este encontro de divulgadoras científicas entregáronse os premios do Certame de relatos curtos "A muller e a nena na ciencia".
O primeiro premio foi para a alumna do IES Valle Inclán, Claudia VeirasTroitiño (15 anos), polo seu traballo "Pequenas accións, grandes resultados". O segundo premio do concurso correspondeulle a Julia Martínez Losada (15 anos), tamén alumna do IES Valle Inclán polo seu relato "Loitar para triunfar". E o terceiro premio foi para Carmen Portela Medraño (16 anos), alumna do IES Frei Martín Sarmiento polo seu relato "Empeño e ambición fan os soños realidade".