Queda pouco menos dun mes para a celebración en Combarro do Día de Colón, previsto para o 9 e o 10 de maio.
A tan pouco tempo xa da festa o Concello abre o prazo para reservar espazo nas rúas de Combarro para xantar ou cear o sabado 10.
A partir do luns, 7 de abril, as persoas particulares poderán pedir o seu espazo, co obxectivo de encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais.
As persoas interesadas poden anotarse na Casa do Campo, en Combarro, ata o día 2 de maio.
Xunto coa folla de solicitude, na que teñen que incluír datos do solicitante así como número de participantes e dimensións da mesa, e interese en facer lumes e grellas, deberán acompañar copia do DNI da persoa representante e esbozo ou fotografías que amosen as dimensión do espazo que se solicita, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar.
Entre as normas de participación propostas polas asociacións colaboradoras, destacan que todas as persoas da mesa vestirán traxes adecuados á época histórica da recreación da festa.
A decoración e ambientación deberán tamén estar relacionados directamente co espírito da época, así como os materiais que se utilicen, a música e incluso a animación tamén deberán ter temática exclusivamente medieval.
Na asignación de espazos, valorarase a decoración, ambientación e organización de actividades lúdicas e de animación que se propoñen nas inscricións.
No caso de que se queiran instalar 'jaimas', teñen que ser con materiais acordes e está prohibido facer buratos no chan para fixalas, debendo utilizar outros obxectos ou materiais que non danen o solo.
Con respecto aos lumes e grellas, non se pode facer lume baixo toldos e outras zonas e elementos susceptibles de arder e as queimadas están prohibidas.