"Día cero" para un Gran Montecelo que fixa o seu horizonte "entre finais de 2023 e principios de 2024"

Pontevedra
03 de maio 2021

3 de maio de 2021. É un día que quedará marcado na historia de Pontevedra. Cinco anos despois de que se descartase o frustrado hospital de Monte Carrasco, a ampliación do Hospital Montecelo xa está en marcha. Estamos ante o "día cero" do Gran Montecelo

Así será o Gran Montecelo / Xunta de Galicia

3 de maio de 2021. É un día que quedará marcado na historia de Pontevedra. Cinco anos despois de que se descartase o frustrado hospital de Monte Carrasco, a ampliación do Hospital Montecelo xa está en marcha. Estamos ante o "día cero" do Gran Montecelo.

Nun acto cheo de autoridades que se celebrou sobre unha das parcelas expropiadas para poder construír o novo hospital, a Xunta de Galicia escenificou o inicio dunhas obras que materializarán o que será "un dos grandes hospitais de España".

Así o destacou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que aproveitou este día para anunciar que, segundo o compromiso alcanzado polas empresas construtoras, a UTE formada por Copasa, Puentes e Ogmios, o prazo de execución reducirase a 30 meses.

O Gran Montecelo será unha realidade, por tanto, un ano antes do previsto. As obras estarán terminada, segundo Núñez Feijóo, "entre finais de 2023 e principios de 2024", recuperando así o atraso que xerou a primeira licitación, que quedou deserta.

Na súa intervención, o titular do goberno galego defendeu que "este é o hospital que os profesionais demandaban e o que a xente necesita" e puxo en valor que a pesar das "dificultades" da pandemia, "estamos a facer o previsto".

Co inicio da primeira fase do Gran Montecelo, que incluirá a construción dun novo edificio hospitalario con tres volumes, Pontevedra contará cun hospital "para ou próximo medio século", que atenderá aos 300.000 habitantes dos 26 concellos da área sanitaria.

Tras reiterar que este hospital supoñerá "un antes e un despois" para a sanidade pública en Pontevedra, Feijóo lembrou que esta obra custará uns 134 millóns de euros e permitirá centralizar unha atención sanitaria que, ata o de agora, préstase en tres edificios separados.

Esta primeira fase supoñerá ampliar en 91.646 metros cadrados o hospital actual, coa construción de dous edificios de cinco plantas e un novo edificio de hospitalización.

No inmoble dianteiro situaranse as consultas externas, que englobarán entre outros servizos os de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e no traseiro estarán as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios.

Sobre estes dous edificios asentarase un bloque que, en forma de zigzag para aproveitar os espazos e a luz natural, acollerá o novo edificio de hospitalización. Toda a atención ambulatoria prestarase no actual hospital, que será remodelado nunha segunda fase.

O Gran Montecelo, tras a súa ampliación, pasará a contar con case 140.000 metros cadrados, o que permitirá ampliar a 720 o número de camas (120 máis que na actualidade) ou aumentar a 162 os postos no hospital de día. Haberá ademais 117 puetos en urxencias e 20 quirófanos.

Entre as novidades na carteira asistencial de Pontevedra, o presidente da Xunta citou expresamente a nova UCI pediátrica, a nova unidade de traballo, parto e recuperación do bloque obstétrico, unha nova área de medicina nuclear ou a creación dun espazo único para as unidades endoscopia multidisciplinar e diagnóstico biolóxico.

Para terminar, Núñez Feijóo destacou que esta ampliación "non é unha actuación illada", senón que forma parte non só das melloras realizadas nos hospitais de Pontevedra, senón dun proceso de "renovación integral" do Servizo Galego de Saúde en toda Galicia.

LORES CELEBRA UN "DÍA HISTÓRICO" PARA PONTEVEDRA

Entre os asistentes ao acto atopábase, xunto cos conselleiros de Sanidade e Infraestruturas, Julio García Comesaña e Ethel Vázquez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou o que ao seu xuízo é un "día histórico" para a cidade.

"Estamos contentos porque, finalmente e despois de décadas de avatares, por fin vai ser unha realidade un Gran Montecelo que atenda a todas as necesidades da área", sinalou o alcalde, que considera que o novo hospital será un "avance importantísimo".

Fernández Lores pediu ás empresas construtoras que "axilicen ao máximo" o seu traballo, aínda que recoñece que estará "satisfeito" se en catro anos Pontevedra estrea o novo hospital. "Logo se está en dous anos e medio ou tres, pois mellor", engadiu.

O alcalde lembrou ademais a participación do Concello de Pontevedra nesta obra, a través dun convenio para a mellora o abastecemento de auga, executar a rede viaria do novo hospital, o pago das expropiacións ou a condonación do IBI ao hospital.

Estas actuacións, dixo, supoñen unha cifra próxima aos 20 millóns de euros que, segundo subliñou o rexedor, " é unha contía moi importante para unha administración local".

"É UN MOMENTO QUE ESTABAMOS A ESPERAR"

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, tamén cualificou como "día histórico" o inicio das obras do Gran Montecelo porque, tras proxectos anteriores que quedaron frustrados, "este é un momento que estabamos a esperar".

Entre os aspectos "enormemente novidosos" deste hospital, o xerente destacou a participación da poboación, a través de diversas enquisas, no deseño de cuestións relativas a organización, humanización de espazos, fluxos de circulación ou accesibilidade.

"Isto condicionou o proxecto", recoñeceu José Ramón Gómez, xunto coa "enorme participación" dos profesionais sanitarios, que lograron "cambios importantes" como os accesos directos á área de Radioterapia ou de Rehabilitación. 

Ademais, o xerente subliñou que este hospital "ten espazo para un crecemento futuro" unha vez se teña ampliado, especialmente en urxencias, críticos, quirófanos, espazos para  radiodiagnósticos ou zonas onde se necesiten equipamentos máis grandes.

O último ángulo do proxecto que abordou o dirixente sanitario é o relativo ás áreas de atención integrada aos usuarios do hospital, de forma que os pacientes "van ter unha única área á que acudir e recuperarse" ao compartir espazo diferentes servizos.

"É unha visión diferente da sanidade", engadiu José Ramón Gómez, que lembrou que en todo o hospital "coidáronse os detalles", algo ao que axudará o poder reducir os "fluxos de circulación" de pacientes entre hospitais, ao centralizar a atención aos agudos "e todo o importante" en Montecelo.

Arquivado en