Dezasete persoas vacináronse "por un erro" en Pontevedra sen cumprir os requisitos de Sanidade

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

A un "erro puntual" durante a elaboración dunha listaxe achaca o Servizo Galego de Saúde que se vacinaran da covid-19 en Pontevedra ata dezasete traballadores da área sanitaria que, segundo eles mesmos recoñecen, non cumprían os requisitos fixados por Sanidade

O xerente da área sanitaria explica o "erro" no proceso de vacinación / Servizo Galego de Saúde

A un "erro puntual" achaca o Servizo Galego de Saúde que se vacinaran da covid-19 en Pontevedra ata dezasete traballadores da área sanitaria que, segundo eles mesmos recoñecen, non cumprían os requisitos fixados por Sanidade.

Durante a elaboración da listaxe de sanitarios aos que lle correspondía esta primeira fase de vacinación como persoal que traballa en primeira liña contra o virus, incluíuse a administrativos ou informáticos, deixando fóra ademais aos celadores.

O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, apuntou que o persoal que foi vacinado sen corresponderlle polo momento representa un 0,6% da listaxe de 2.533 profesionais a vacinar en Pontevedra e O Salnés.

"Foi un erro na elaboración dun listado pero tivo un impacto pequeno", sinalou o xerente, que pediu desculpas polo sucedido a través dun vídeo remitido aos medios de comunicación.

Os 2.516 traballadores que recibiron a vacina -sen contar a estes dezasete que deberían inmunizarse nunha etapa posterior- supoñen o 60% do persoal de toda a área sanitaria.

Esta vacinación de profesionais que atenden ás pacientes covid-19, segundo a xerencia da área sanitaria, completarase cando se reciban as correspondentes doses.