Un total de 17 empresas presentaron as súas ofertas para a redacción do proxecto de trazado e construción e impacto ambiental da variante de Alba. O goberno galego marca como obxectivo poder licitar a obra no ano 2019.
Este contrato, cun prazo de execución de 12 meses, foi licitado por un importe de máis de 252.000 euros.
A variante de Alba, segundo sinala a Xunta, ten como finalidade servir de conexión entre as estradas PO-531 e N-550, funcionando como alternativa á estrada PO-225, que comunica Alba con San Caetano, sen necesidade de entrar no núcleo urbano.
En total, a construción desta vía ten un orzamento de cinco millóns de euros. A Xunta cualifica esta infraestrutura como estratéxica para a vertebración da rede viaria de Pontevedra e para a calidade de vida dos veciños.
A consellería de Infraestruturas e Vivenda mantivo diversas xuntanzas cos veciños das parroquias afectadas para definir o trazado da variante.
O goberno galego busca así acadar o máximo nivel de consenso, de forma que garanten que as consideracións formuladas polos veciños serán atendidas na medida do posible.