Dez formacións políticas e sociais avalan a candidatura do escritor Luis Rei ás primarias de Marea Pontevedra

Pontevedra
28 de xaneiro 2015

Luis Rei compareceu coas persoas que lle avalan "é unha candidatura de acumulación de forzas están partidos políticos e tamén plataformas"

Luis Rei visibilizou os apoios a súa candidatura
Luis Rei visibilizou os apoios a súa candidatura / Mónica Patxot

Luís Rei Núñez, escritor de novelas, poesía e ensaio, e xornalista da Televisión de Galicia, fixo pública a súa aspiración a encabezar a candidatura de Marea Pontevedra ás eleccións municipais de maio.

Para gañar ese dereito terá que presentarse ás primarias, cuxo proceso foi convocado hai uns días e que concluirá o sábado 7 de febreiro, polo que, de todas as mareas que se están a constituír en Galicia a de Pontevedra será a primeira que teña a candidatura conformada para poñerse en marcha.

Luis Rei compareceu ante a prensa diante do monumento a Castelao na Avenida de Santa María, acompañado das dez persoas, "dez castelaos" que avalan a súa candidatura que son representantes das formacións políticas Esquerda Unida, Podemos, Espazo Ecosocialista ou o 15-M e tamén de plataformas como Salvemos A Fracha, Non Crematorios Pontevedra, SOS Sanidade Pública, Defensa dos Praceres ou Marea Laranxa en Defensa dos Servizos Sociais, "quere dicir é unha candidatura de acumulación de forzas están partidos políticos e tamén plataformas", dixo o aspirante.

Curiosamente, Luis Rei, é o único que non está "adscrito" a ningún partido ou plataforma. Segundo explicou isto é premeditado xa que "para expresar a pluralidade que hai no seo da Marea o máis axeitado é unha persoa que resulte integradora e transversal coa que se sentan cómodos todos os que están a remar por este proxecto".

Para "visibilizar" o proxecto e a oferta da Marea Pontevedra, Luis Rei afirmou que "aplicamos a mellor das receitas que é a democracia". En canto ao programa electoral "construímolo entre todos nunhas xornadas" e se vai ir "enriquecendo" coas diferentes plataformas e colectivos veciñais.

Luis Rei afirmou que a súa candidatura é un "proxecto colectivo" que ten que dicir que "non" á "vella política" e para iso propoñen "democracia todos os días" e "facer políticas para os de abaixo".

"Podemos ser o motor e a gasolina do cambio en Pontevedra", concluíu Luis Rei.

AVAIS

Deron o seu aval á candidatura de Luis Rei: Vanesa Angustia, coordinadora comarcal de Esquerda Unida en Pontevedra; David Carballal, portavoz de Anova Pontevedra; Guillermo Casalderrey, activista do 15-M; Herminia Dios, activista de Marea Laranxa en Defensa dos Servicios Sociais; Marcos Fontán, secretario municipal de Podemos; Xoán Hermida, coordinador nacional de Espazo Ecosocialista; María Luisa Lores, activista de SOS Sanidade Pública; José Antonio Ramírez, activista da Plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste; Eladio Torres, activista da Plataforma dos Praceres e Cruz Villaverede, activista de Salvemos A Fracha.