O Concello de Pontevedra desvelou hoxe os nomes de nove empresas e un organismo público que formarán parte da misión comercial a México que o goberno municipal está a preparar para o próximo mes de agosto. Cos seus representantes reuníronse este luns o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías.
Son, explicaron desde o Concello, as primeiras confirmacións para unha misión que "segue aberta", asegurou Anabel Gulías, quen manterá aínda esta semana novos contactos con compañías interesadas en formar parte da expedición.
O goberno municipal quería confirmar "canto antes" os primeiros nomes para "poder ir pechando" a axenda oficial da viaxe. "Garantimos que será unha axenda moi completa", indicou a edil do BNG, que tamén tratarán de organizala igual de "potente" para as empresas que se incorporen a partir de agora.
Todos os integrantes desta misión participarán na feira Expopymes, do 23 ao 25 de agosto, e esta cita complementarase con contactos directos que está a xestionar a asistencia técnica que contratou o Concello en México.
As empresas confirmadas son:
- COVSA: empresa de referencia no ámbito da construción civil
- Galventus: trátase dunha compañía de Moaña especializada no mantemento de aeroxeradores e parques eólicos.
- TokApp: empresa pontevedresa que deseñou unha APP que permite conectar os colexios e os pais de maneira fácil e intuitiva.
- SETGA: compañía punteira no sector do deseño e fabricación de iluminación exterior, sinalización, eficiencia enerxética e mobiliario urbano.
- Global Retail (Krack Zapaterías): cadea fundada en Pontevedra que conta con máis de 40 zapaterías en toda España.
- Yatecomeré: empresa que distribúe elaboracións gastronómicas para restaurantes e consumidores particulares.
- O Graneiro de Amelia: referente galego na venda de produtos a granel, que actualmente conta xa con oito tendas en Galicia.
- Matriuska Producciones: produtora cinematográfica de Pontevedra, responsables do festival Novos Cinemas.
- Iñaki Bretal: chef do Grupo Nove, propietario do Eirado da Leña e que actualmente está centrado no desenvolvemento dunha nova liña de cociña que exalte o produto galego de calidade.
Ademais, a México viaxarán tamén Turismo de Pontevedra para manter encontros con operadores de turismo locais e promocionar a cidade desde o punto de vista turístico e hostaleiro; e a Mancomunidade do Salnés, co obxectivo de vender as Rías Baixas "como destino global", segundo asegurou Anabel Gulías.
A eles unirase Tino Lores, presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués, que aproveitará a misión para promocionar as rutas de peregrinación a Santiago que atravesan as Rías Baixas, para aproveitar o crecente interese que existe en Latinoamérica por estes itinerarios espirituais.
O Concello asegura estar "satisfeito" polo traballo realizado ata o momento con esta misión comercial, ao entender que estará formada por empresas "ben situadas", que moven un importante volume de negocio e crean postos de traballo en Pontevedra e a súa área de influencia.
Anabel Gulías explicou que moitas as empresas que mostraron inicialmente o seu interese declinaron asistir, entre outros motivos, polas datas da viaxe, polo seu custo -fixado en 785 euros-, ao non poder facer fronte ao gasto por cuestións orzamentarias, ou porque non lles interesaba México como país de destino, debido á súa propia actividade empresarial.