Dez empresas turísticas participan na aceleradora Smartpeme

Pontevedra
04 de novembro 2020

A Deputación de Pontevedra duplicou o número de empresas participantes nesta convocatoria do programa que busca capacitalas en comercialización, competitividade e imaxe dixitais

Presentación do Smartpeme
Presentación do Smartpeme / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar, a través do programa SmartPeme TurisTIC, unha nova edición da aceleradora de empresas turísticas da provincia.

Un total de 10 proxectos empresariais, o dobre que na pasada edición, xa se están a beneficiar desde esta semana das diferentes actividades de mentorización, titorías personalizadas e actividades de capacitación para avanzar durante 3 meses, ata mediados de febreiro, na súa adaptación ao comercio do século XXI.

As empresas beneficiarias, que foron seleccionadas entre os máis de 20 proxectos que se presentaron, son: A Moura Galaica-Galicia Legends (mapa web interactivo), Viajes Airbus (axencia de viaxes), Amartumar (fomento do sector pesqueiro), Fundación Pazo de Mos (organización de actividades e eventos no Pazo), Mr & Mrs Kendall (servizo de experiencias personalizado), Capptus (xogo de captura nun destino), Turismo de Historias (actividades de formación e divulgación en Galicia con base na investigación histórica), Recunchos (axencia de viaxes en liña), Alecrín (empresa de turismo de natureza) e Corticata (rutas e actividades en Vilagarcía de Arousa).