Un total de dez empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de peonalización da ponte do Burgo, un proxecto que inclúe a rehabilitación integral da histórica infraestrutura e a instalación dunha nova iluminación que realce o seu carácter monumental.
O proxecto, financiado con fondos europeos, ten un prezo de licitación de 2.561.390,91 euros (IVE incluído), dividido en dous lotes: o da obra por valor de 1.700.598,75 euros e o da iluminación por valor de 860.792,16 euros. A execución do lote un é de 10 meses e a do lote dous é de tres meses.
As empresas ou a unión temporal de empresas que se presentaron para a reforma da ponte son a UTE Covsa-Setga, a UTE Imesapi-E.C.Casas, a UTE Ediserpo-Ogmios, a UTE Tecirsa-Elecnor, a UTE Acevi-Civisglobal e as empresas Taboada e Ramos, Desarrolla Obras e Servizos e Copcisa.
Ao segundo lote (a nova iluminación da ponte) presentáronse a UTE Moncosa-Ediserpo e a empresa Setga.
A actuación na ponte do Burgo segue as directrices do modelo de Pontevedra: preferencia peonil, calidade construtiva, calidade de vida e recuperación e posta en valor do patrimonio.
A obra divídese en tres ámbitos de actuación. Na ponte do Burgo habilitarase unha plataforma única de lousas de pedra para continuar a vía peonil de 11 metros de ancho (de lado a lado da ponte) cunha iluminación rasante seguindo o Camiño de Santiago e outra na nova varanda lateral que tamén será rasante.
No entronque coa praza Valentín García Escudero mudarase o paso de peóns co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte, seguindo a traza histórica do Camiño.
Entre o paseo Domingo Fontán e a rúa Xoán Manuel Pintos eliminarase a rotonda de tráfico rodado, para continuar o carril nos dous sentidos de circulación por ese punto. Ademais, crearase unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con máis de 40 árbores, mobiliario, bancos e papeleiras.
Con respecto á iluminación, os traballos faranse en tres fases: unha superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; outra rasante empotrada na varanda dirixida cara o taboleiro para que os peóns poidan ver por onde pasan, e unha terceira que alumeará os arcos, polo exterior e interior.
QUINCE OFERTAS PARA O MERCADO
Tal e como adiantara hai días o goberno municipal, quince empresas presentaron ofertas para realizar a renovación da primeira planta do mercado de abastos de Pontevedra e habilitar un espazo gastronómico. O proxecto ten un prezo de licitación de 279.292 euros e un prazo de execución de dous meses.
As empresas que presentaron oferta son Asturcom, Innova, Canalizacións e construccións Salnés, CPA, GPD, Acevi, Gómez Crespo, Prado Lameiro S.L., Naturgalia, Ediserpo, Abaco, Inelsa, De nuevo punto creativa, Sergonsa e Abal Construcciones.
A maior parte delas, segundo o goberno municipal, contemplaron na súa oferta as melloras previstas para esta obra, que estaban valoradas en 1.700 euros para instalacións complementarias e 28.420 euros para equipamento.