Dez empresas, entre elas dúas de Pontevedra, optan ao novo contrato da auga

Pontevedra
30 de outubro 2017

Dúas empresas de Pontevedra, EC Casas e COVSA, presentaron as súas ofertas para facerse co novo contrato do servizo de abastecemento de auga. Ambas fixérono en UTE con Espina y Delfín e FCC Aqualia respectivamente. As ofertas recibidas inclúen outras oito firmas, entre elas a actual concesionaria, Viaqua, que presentou unha proposta para seguir xestionando o ciclo da auga en Pontevedra

Visita á Estación de tratamento de auga potable de Lérez
Visita á Estación de tratamento de auga potable de Lérez / Concello de Pontevedra

Dúas empresas de Pontevedra, EC Casas e COVSA, presentaron as súas ofertas para facerse co novo contrato do servizo de abastecemento de auga.

Ambas o fixeron en UTE, unha unión temporal de empresas, con outras dúas firmas moi coñecidas no sector, Espina y Delfín -concesionaria en máis de corenta municipios galegos- e FCC Aqualia -que xestiona o servizo en Vigo- respectivamente.

As ofertas recibidas inclúen outras oito firmas, entre elas a actual concesionaria, Viaqua, que presentou unha proposta para seguir xestionando o ciclo da auga en Pontevedra.

O resto das propostas que se presentaron foron as de Socamex, Gestagua, a UTE Valoriza + Civis Global, Acciona, Aguas de Valencia, Facsa (Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense) e Técnica y Gestión Medioambiental.

O novo contrato de xestión integral do ciclo da auga no municipio adxudicarase por 20 anos prorrogable un máis cun custo anual de 6,5 millóns de euros.

A adxudicataria deberá investir, como mínimo, 13 millóns de euros no saneamento do rural. Ademais, deberá satisfacer un canon de 1,5 millóns de euros en efectivo.

Raimundo González, responsable do ciclo da auga, explicou que o Concello espera poder convocar, como moi tarde a próxima semana, a mesa de contratación para proceder á apertura das propostas remitidas por estas empresas.

Haberá que realizar, segundo adiantou, unha ardua análise de toda a documentación. Así, examinarase con detalle o proxecto de explotación que se presentou xunto con cada unha das ofertas para poder puntualo en función do prego técnico e administrativo.

Arquivado en